
A Facultade de Física da USC acolle este venres 21 o HaQaton de TalentQ, un evento único de innovación e desafío para mentes inquedas en computación cuántica organizado por TalentQ, parte do programa Quantum Spain e coordinado pola USC.
O HaQaton de TalentQ reunirá estudantes, persoal investigador e entusiastas da computación cuántica nunha xornada de competición que non só porá a proba as súas habilidades, senón que tamén fomentará o networking e a aprendizaxe nun ambiente dinámico e estimulante. Ao longo do día, os equipos traballarán en proxectos desafiantes, co apoio de persoal titor experto e nun ambiente que fomentará a creatividade e a aprendizaxe colaborativa.
Para participar, é imprescindible rexistrarse previamente. As interesados poden unirse a equipos xa formados ou crear o seu propio, elixindo o proxecto que mellor se adapte aos seus intereses.
O programa dará comezo ás 9.00 horas na cafetaría da Facultade, onde se coñecerán os equipos, para logo pasar á Aula Magna e asistir á apertura oficial. A partir de aí será a presentación de proxectos, para elixir un, e o traballo neles de maneira ininterrompida. Ás 18.00 presentaranse os resultados, e xa ás 19.00 horas coñeceranse os gañadores.