Pasar al contenido principal

A Aula de Teatro, destaca na MITEU e nun festival universitario en Lituania

A compañía compostelá xunto coa totalidade do xurado e a organización do Festival en Lituania. Foto: Aula de Teatro
A compañía compostelá xunto coa totalidade do xurado e a organización do Festival en Lituania. Foto: Aula de Teatro
A última produción desta compañía xa fora premiada tamén no Festival da Beira Interior

Nas últimas semanas, a produción da Aula de Teatro da USC ‘Cousas que trouxo a chuvia’ colectou dous novos premios que se suman ao acadado en Portugal o pasado mes de marzo, nesta ocasión na XXII Motra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) e nun festival en Lituania.

No certame galego a compañía universitaria compostelá recibiu o Premio do Xurado na XXII MITEU de Ourense, pola “sutileza da posta en escena, a harmonía das interpretacións e da música para contar unha historia próxima a todos nós”. No plano internacional, no XVIII 'Tarptautinis universitetų teatrų forumas' (Lituania), a proposta da USC foi recoñecida co premio ao mellor espectáculo, destacando o xurado a calidade estética. Recibiron premios ás mellores interpretacións a totalidade do reparto, Julia Ammerman, Lara Pouso, Alba López e Carmen Tomás.

Outros premios
Como xa sucedera en 2015 e 2016, a Aula de Teatro da USC tamén colectaba o pasado mes de marzo o recoñecemento do Festival Internacional de Teatro Universitario da Beira Interior, considerado o máis antigo de Portugal que se realiza de xeito ininterrompido e que este ano alcanzou a súa vixésimo primeira edición. Nesta ocasión, o xurado outorgou o premio do xurado ao Mellor Espectáculo ex aequo co grupo de teatro e danza da Universidade de Granada.

A obra
Cousas que trouxo a chuvia é unha obra escrita e dirixida por Roberto Salgueiro e estreada a finais do pasado ano en Compostela. O relato desenvólvese arredor dunha mesa de amasar nunha abafante tarde de verán na que rompe a chover. Tres mulleres, contan historias cotiás sobre os veráns da infancia no campo: un pai ausente, unha nai que amasaba, a seriedade dunha profesora de ballet ou a fábrica na que se traballaba de sol a sol. Poñen voz a esta historia Lara Pouso, Carmen Tomás e Alba López, acompañadas de Julia Ammerman ao piano.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.05.2017.