Pasar al contenido principal

O catedrático da USC Henrique Monteagudo, novo presidente da Real Academia Galega

O catedrático da USC Henrique Monteagudo, novo presidente da RAG. Foto: RAG
O catedrático da USC Henrique Monteagudo, novo presidente da RAG. Foto: RAG
Era ata o de agora o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Academia
Santiago de Compostela

O catedrático de Filoloxía Galega da USC Henrique Monteagudo é o novo presidente da Real Academia Galega logo da sesión plenaria desenvolvida este venres. A súa foi a única candidatura rexistrada.

O catedrático de Filoloxía Galega da USC, ata o momento coordinador do Seminario de Sociolingüística da Academia, estará á fronte da corporación tras os oito anos de Víctor F. Freixanes na presidencia, para quen tivo palabras de especial recoñecemento no seu discurso ante o pleno, celebrado no pazo municipal de María Pita.

Agradeceu tamén o tempo compartido cos demais membros das comisións executivas das que formou parte como secretario (2013-2021) e vicesecretario (2021-2025), doce anos nos que aprendeu “a enxergar que se espera de nós, a valorar a relevancia social do papel da Academia e a entender como debe relacionarse coa cidadanía, con outros colectivos e institucións”.

O décimo cuarto presidente da RAG estará acompañado na comisión executiva por Ana Boullón Agrelo como secretaria; María López-Sández na tesourería; María Dolores Sánchez Palomino como arquiveira bibliotecaria e Lourenzo Fernández Prieto como vicesecretario.

Henrique Monteagudo (Muros, 1959) conta cun amplo currículo académico internacional en universidades europeas e americanas. A sociolingüística e os estudos sobre a normalización da lingua galega ocuparon dende comezos dos anos 80 unha parte moi importante do labor investigador do novo presidente, que ten na figura de Castelao e no seu ideario lingüístico outro esteo central. No campo da literatura, Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro ou Carlos Casares son algúns dos grandes nomes das letras aos que lles ten prestado atención, xunto a figuras da lírica medieval como Paio Gómez Chariño, Afonso X O Sabio ou o xograr Martin Codax.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.04.2025.