Pasar al contenido principal

A Aula Hospitalaria do CHUS gaña o concurso PIMAga de divulgación matemática

Instalacións da Aula Hospitalaria do CHUS. Foto: CHUS
Instalacións da Aula Hospitalaria do CHUS. Foto: CHUS
O certame convócao CITMAga coa fin de visibilizar as actividades que os centros escolares galegos desenvolven con motivo do Día Internacional das Matemáticas
Santiago de Compostela

Coa actividade Papiroflexia Matemática: dobrando formas, construíndo coñecemento, a Aula Hospitalaria do CHUS fíxose co primeiro premio do II Concurso PIMAga, unha iniciativa impulsada pola Comisión de Divulgación do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) coa fin de visibilizar e difundir as actividades que os centros escolares galegos desenvolven con motivo do Día Internacional das Matemáticas (‘Día Pi’, 14 de marzo).

O segundo premio recaeu na actividade de 5º de Primaria do CEIP Pintor Antonio Fernández (Goián – Tomiño) pola proposta Números Verdes, e o terceiro premio foi para a achega de 1º de Primaria do CEIP Eduardo Pondal (Vigo) coa actividade Conta comigo – Scape room.

Nesta segunda edición, a participación superou con creces a da convocatoria anterior, triplicando o número de propostas recibidas. Un éxito que para o CITMAga reflicte o crecemento do interese por promover unha educación matemática de calidade e próxima, conectada coa realidade do alumnado e cunha forte compoñente creativa e divulgadora.

O xurado estivo formado polos cinco integrantes da Comisión de Divulgación do CITMAga: Miguel Brozos Vázquez, María Isabel Borrajo García, Laura López Paz, Marta Pérez Rodríguez e Miguel Picos Maiztegui.

O CITMAga celebra o éxito desta edición e reafirma o seu compromiso coa divulgación matemática para contribuír a fomentar vocacións científicas dende idades temperás, reforzar o pensamento crítico e espertar novas conciencias matemáticas entre a mocidade.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.04.2025.