O Curso de Primavera do Campus de Lugo artella un espazo de reflexión arredor da tradición

Artellar un espazo para compartir e andar 'A voltas coa tradición' é a finalidade que persegue O Curso de Primavera que botou a andar este xoves 24 na Facultade de Humanidades. A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, subiu o pano da que é unha cita consolidada na programación cultural lucense e que se desenvolve ao abeiro da Primavera Cultural da USC.
Coordinada pola estudante Carme Giráldez Salgado, a edición deste ano parte da idea de homenaxear as cantareiras e pandeireteiras, sumando diferentes perspectivas e relatos sobre como se tratou a tradición, que se está a facer e que outros camiños se abren arredor da súa xestión. Carlos Callón, Mª Concepción Fernández López, Xabi Iglesias, Patricia Cupeiro, Aitana Cuétara, Branca Villares, Antonio Reigosa e Alba Díaz Geada serán as voces que reflexionen arredor da tradición dende diversas perspectivas e formatos. A partir das 19.30, o Curso trasládase á Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) onde se desenvolve o obradoiro de Ruth Pérez ‘Entrando no baile’.
O Curso de Primavera contará cunha segunda sesión o 26 de abril na Casa do Saber cunha mesa redonda moderada polo profesor Isidoro Rodríguez Pérez, ás 12.00 horas, e na que se abordará o asociacionismo arredor da música e do baile tradicionais na cidade de Lugo. Intervirán José Angel Vilabrille Rodríguez de Cántigas e Frores, Fidel Reigosa Cotelo da Volta do Agro, Javier Pajón Fernández de Airiños de Orbazai e Xaneco Tubío da Asociación de Gaiteiras Galegas. A seguir, desenvolverase o paseo sonoro ‘Habitar a tradición’. O concerto foro con Bouba, que terá lugar no local Ho! Gruf, pechará o programa baixo o lema ‘Á volta dun vermú (Termando dos Marcos)’.
