Pasar al contenido principal

A Aplta do Campus Terra da USC organiza un workshop sobre ingredientes e aditivos na industria láctea e alimentaria

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A xornada formativa, dirixida a responsables e técnicos de I+D e innovación, márketing, produción e calidade de empresas do sector, mantén aberto o prazo de inscrición

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do Campus Terra da USC acubillará os días 15 e 16 de xuño, nas súas instalacións, emprazadas no lugués polígono de Sanfiz, a terceira edición do Workshop sobre ingredientes e aditivos na industria láctea e alimentaria, un foro de traballo dirixido fundamentalmente a responsables técnicos e de I+D e innovación, márketing , produción e calidade das empresas do sector. O prazo de inscrición nestas xornadas permanece aberto na web da Aplta, onde tamén está accesible cumprida información respecto do programa e dos horarios deste workshop.

Este foro sobre ingredientes e aditivos na industria láctea e alimentaria xurde como unha ferramenta formativa de utilidade para coñecer e intercambiar experiencias respecto das novas tendencias que se están a rexistrar no sector, así como sobre o proceso de diversificación da industria láctea e alimentaria. Trátase dun programa de traballo de día e medio de duración, no que empresas como Chr. Hansen, DSM, IFF, Frulact, FMC, Beneo, GBI, Ceamsa, Biópolis, CPKelco… amosarán as súas principais novidades no que atinxe a aditivos e outros ingredientes empregadas na formación dos novos alimentos. Todas as sesións incluídas neste workshop terán un enfoque práctico aplicado ao deseño e produción de derivados lácteos e outros alimentos, para o que os distintos relatores aludirán a diferentes experiencias e estudios xa desenvolvidos.

Outra das achegas deste foro de traballo chegará da man de Mintel, que dará a coñecer no marco destas xornadas as tendencias actuais do mercado actual, así como de colaboradores de Portugal Foods, que tamén analizarán en Lugo cara a onde poden camiñar as futuras demandas globais do consumidor no ámbito da alimentación, o que permitirá ás empresas establecer futuras estratexias de comercialización.

Como novidade, os participantes nesta terceira edición do workshop sobre ingredientes e aditivos da industria láctea e alimentaria terán a oportunidade de valorar por si mesmos as últimas propostas de ingredientes e aditivos. Esta sesión práctica desenvolverase no marco dun espazo de presentación de produtos, no que as empresas interesadas contarán cunha área específica para facilitar a exposición e cata de prototipos e produtos comerciais.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.05.2017.