Pasar al contenido principal

O CiMUS pon de relevo o impacto da xenética na saúde e a medicina personalizada

Na xornada houbo unha mesa redonda con persoal investigador do CiMUS. Foto. CiMUS
Na xornada houbo unha mesa redonda con persoal investigador do CiMUS. Foto. CiMUS
No Día Mundial do ADN, este centro singular convidou persoal investigador recoñecido para falar dos avances nesta materia

Dende o ano 2003, cada 25 de abril conmemórase o Día Mundial do ADN para celebrar un dos fitos máis importantes da ciencia, como foi o descubrimento da estrutura en dobre hélice do Ácido Desoxirribonucleico (ADN). O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC sumouse hoxe aos actos de conmemoración deste transcendental achado reafirmando o seu compromiso coa investigación de excelencia e a divulgación científica.

O acto, aberto a toda a cidadanía, deu comezo co conferencia ‘Do Proxecto Xenoma Humano ao Proxecto Xenoma Galicia’ na que o catedrático de Xenética da USC e investigador principal do CiMUS, Ángel Carracedo, abordou a evolución desde os primeiros mapas xenéticos globais ata as iniciativas actuais para o estudo do xenoma da poboación galega, con implicacións directas para a saúde e a medicina personalizada.

A xenómica é hoxe a base da medicina personalizada e ten como campos principais de aplicación as enfermidades xenéticas (que son a gran maioría das enfermidades raras), a mutación somática no cancro e o cancro hereditario, a farmacoxenética e o diagnóstico prenatal (mediante a análise de ADN fetal en sangue materna). “Pero a maior contribución da xenética á enfermidade non está nas mutacións senón na variación común que pode ser capturada con estudos de asociación que se chaman GWAS con arrays de alta densidade, e de todo iso falaremos nesta xornada divulgativa”, explicou Carracedo.

Tras a conferencia, tivo lugar unha mesa redonda na que o profesor Carracedo estivo acompañado polos investigadores do CiMUS José Tubío, Miguel González Blanco e Ricardo Villa-Bellosta, este último moderador do debate e coordinador do evento.

Sobre CiMUS
O CiMUS, que vén de obter a acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, forma parte da rede de centros de investigación cun novo modelo de organización e funcionamento, que constitúe o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto CAMPUS VIDA (Campus de Excelencia Internacional, MEC-MICINN, 2009). A misión do CiMUS consiste en realizar unha investigación básica de calidade contrastada, co obxectivo de conseguir avances na prevención, entendemento e tratamento das enfermidades crónicas de alto impacto na sociedade. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.04.2025.