Pasar al contenido principal

Unhas xornadas en maio analizarán a destrución do sistema educativo de Palestina e outras zonas en conflito

Imaxe dunha escola da UN destruida en palestina. Fonto: Diario fotográfico 'desde Palestina'
Imaxe dunha escola da UN destruida en Palestina. Fonto: Diario fotográfico 'desde Palestina'
O encontro ‘Ecolasticidio’, a desenvolver en Filoloxía e Ciencias da Comunicación, tratará tamén os casos do Líbano, Afganistán, Irán e o Sáhara Occidental
Santiago de Compostela

A profesora Karma Nabulsi acuñou o termo ‘escolasticidio’ para dar conta da sistemática e deliberada destrución do sistema educativo palestino por parte do exército israelí dentro da política de xenocidio reforzada coa invasión de Gaza despois do 7 de outubro de 2023. A análise científica deste concepto e os seus  efectos en Palestina, en especial na infancia e na mocidade, será o obxecto dunhas xornadas internacionais os días 8 e 9 de maio organizadas pola Cátedra Institucional USC - Araguaney para o Diálogo entre Culturas.

O encontro, que tamén tratará a cuestión referida a outras situacións de conflito armado como Líbano, Afganistán, Irán ou o Sáhara Occidental, inaugurarase o 8 de maio ás 12.00 horas no Salón de Graos na Facultade de Filoloxía nun acto no que participan o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC, Gumersindo Feijoo Costa; o director da Cátedra e profesor de economía aplicada na Facultade de Dereito, Francisco Javier Sanjiao Otero, e o presidente de honra da Fundación Araguaney – Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim.

A continuación terá lugar a intervención do catedrático de literatura comparada na Facultade de Filoloxía da USC, César Domínguez Prieto, que falará do ‘lawfare académico como indicador do fin da civilidade’. Seguiranlle Alison Phipps, da Cátedra da UNESCO sobre a Integración dos Refuxiados a través das Linguas e as Artes da Universidade de Glasgow (Escocia), e o propio Fco Javier Sanjiao. A xornada rematará cun debate coas persoas asistentes que coordinará a investigadora María González Flores.

Sesión do día 9
Estas xornadas continuarán o venres 9 no Auditorio da Facultade de Ciencias de Comunicación, unha xornada que comezará cunha benvida de Javier Sanjiao, Ghaleb Jaber Ibrahim e a decana do centro anfitrión, Ana Isabel Rodríguez Vázquez. Será Mónica Bernabé, xornalista da sección de investigación do Diari Ara e correspondente en Afganistán durante case 8 anos, quen comece co relatorio ‘Escolasticidioen Afganistán: analfabetismo, apartheid de xénero e radicalismo islámico’, para continuar coa intervención da presidenta do Instituto de Cultura Árabe da Universidade Federal de São Paulo (Brasil) e da Cátedra Edward Saïd de Estudos da Contemporaneidade, Natalia Calfat, e do investigador da Fundación Getulio Vargas, Vicente Ferraro, titulada ‘Burocracia de rúa no Levante: escolasticidio e etnografía remota en zonas de guerra da Palestina e do Líbano’.

A xornada rematará co tratamento dos casos de escolasticidio en Irán e Sáhara Occidental, a cargo do catedrático de inglés e literatura española da Universidade Allameh Tabataba’i (Irán), Alireza Omid Bakhsh, e da investigadora da Universidade da Coruña María González Flores, respectivamente. O debate posterior moderarao a investigadora da USC Sarah Vidal Horta.

O encontro encádrase no marco de traballo promovido pola Comisión para o desenvolvemento de accións a prol da comunidade universitaria de Palestina creada polo Consello de Goberno da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.04.2025.