Pasar al contenido principal

O premio do xurado do Findecurta recoñece o traballo ‘Cacahuete e mermelada’ de Miguel Borja e Julia Saez

Foto de familia da décima edición do Findecurta
Foto de familia da décima edición do Findecurta
O galardón que outorga o público recaeu na curta ‘Quérot-e’ do grupo Desviadas

A curta Cacahuete e mermelada de Miguel Borja e Julia Saez acadou o premio do xurado na décima edición do certame audiovisual Findecurta. O ditame destacou “a idea orixinal, coherente, o gag final, a realización, o nivel de planos e, sobre todo, a narrativa da curta’. Ademais, o traballo titulado Quérot-e, a cargo do grupo Desviadas, fíxose co premio do público. A entrega de galardóns na que participou o adxunto para o Campus de Lugo, Antonio Álvarez, desenvolveuse o 26 de abril nun acto que tivo lugar na Casa do Saber. Os dous recoñecementos supoñen a participación na Semana de Cine de Lugo para optar ao Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega. O xurado estivo composto pola actriz Alba Loureiro e polo director e guionista Javier Ferreiro.

Con todo, o punto de arranque do Findecurta remóntase ao pasado 21 de marzo, cando os sete equipos que competiron nesta edición coñeceron nunha xuntanza que se desenvolveu na Casa do Saber cal sería a temática arredor da que deberían xirar todas as curtas que participasen no certame. Finalmente,  a temática elixida foi ‘amor, amar, amor’. Os equipos tiveron  de prazo ata o martes 25 para finalizar e entregar a curta que debeu ser realizada integramente en tempo real, do 21 ao 25 de marzo.

Na reunión, ademais do ámbito temático que debía impregnar os traballos presentados, facilitáronse unha serie de coordenadas xeográficas que tamén deberían acubillarse en cada unha das pezas audiovisuais que concorresen ao certame e que en ningún caso deberían superar os sete minutos de duración. Unha vez coñecidas as condicións que cada curtametraxe debería posuír, os equipos puxéronse mans á obra.

Tal e como establecen as bases, calquera traballo creativo previo á xuntanza do día 21 estaría prohibido. Isto incluíu escribir o guión, ensaios, vestiario, deseño de escenario, rodaxe, edición, deseño de son, renderización, dar saída á cinta ou outros medios. Ningún material de arquivo ou filmación previa puideron ser utilizados.

Esta iniciativa enmárcase dentro da programación artellada ao abeiro do convenio que desenvolven a USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
 

Bruno Máez, Antonio Álvarez e Paloma Lugilde durante o acto de entrega.
Bruno Máez, Antonio Álvarez e Paloma Lugilde durante o acto de entrega.
Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.04.2025.