Pasar al contenido principal

Conferencia ‘Stratifications of Higgs bundle moduli spaces and related topics’

05.05.2025-09.05.2025

Salón de Actos

Facultade de Matemáticas
Facultade de Matemáticas

Dende o luns 5 ata o venres 9 de maio desenvolverase na Facultade de Matemáticas da USC a Conference Stratifications of Higgs bundle moduli spaces and related topics, que servirá como punto de encontro entre persoal investigador de todo o mundo que compartirá os avances das súas investigacións e principais resultados no ámbito dos fibrados de Higgs.

A Conferencia, que chega a Santiago por vez primeira, conta co apoio do proxecto CNS2022-136042 da Axencia Estatal de Investigación (AEI), en colaboración co Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) e o amparo da Facultade compostelá de Matemáticas.

Nesta ocasión, o persoal investigador chegará dende aproximadamente vinte cinco universidades e centros de investigación internacionais, o que demostra o interese que hai no CITMAga e na Facultade de Matemáticas de servir como lugar de debate e unión entre as experiencias académicas, investigadoras e profesionais do persoal que está a realizar as súas investigacións no estranxeiro e as visións e perspectivas do persoal matemático local.  

Os fibrados de Higgs no panorama actual
Os fibrados de Higgs xogan un rol central na investigación actual, tanto en matemáticas como en física. Así, foino para Ngô, cuxa proba do lema fundamental valeulle a concesión da Medalla Fields, o maior galardón das matemáticas xunto co premio Abel. 

Asemade, os fibrados de Higgs son centrais en extensos programas da física teórica e das matemáticas como son a simetría espello ou o programa Langlands xeométrico. Ambos son programas “ponte”, que identifican distintas teorías físicas, en principio diferentes, pero equivalentes grazas ao que os físicos chaman dualidades. Na súa formulación matemática, estes programas equiparan ramas diferentes desta disciplina, como a xeometría simpléctica e a complexa, ou a teoría de representacións e a xeometría alxébrica. Neste sentido, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga) asume nas liñas de actuación da súa axenda científica a investigación e capacitación do seu persoal investigador neste ámbito de estudo. 

A conferencia Stratifications of Higgs bundle moduli spaces and related topics conta cun comité organizador liderado por Ana Peón Nieto (USC – CITMAga), investigadora principal (IP) do proxecto, e Laura López Paz (CITMAga). 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.04.2025.