Pasar al contenido principal

Apertura da terceira edición de AddVenture

08.05.2025 | 10.00h
A sesión de apertura será no CEA. Foto: Santi Alvite
A sesión de apertura será no CEA. Foto: Santi Alvite

A terceira edición de AddVenture, programa universitario de emprendemento e innovación impulsado polos Consellos Sociais das Universidades da Coruña e Santiago, bota a andar este xoves 7 cunha xornada inaugural presencial deseñada para activar os primeiros pasos dos proxectos de negocio das persoas participantes.

A apertura terá lugar ás 10.00 horas na Sala de Debates do Centro de Estudos Avanzados (CEA) e nela intervirán a secretaria do Consello Social da USC, Marta Villamayor Álvarez; o secretario do Consello Social da UDC, Jesús Spósito Prado; e a directora de Procesos de Innovación e Emprendemento en Corporacións en TeamLabs, Irati Lekue.

18 proxectos de negocio e 30 persoas emprendedoras
Esta sesión intensiva, denominada Hackaton, contará con dinámicas prácticas e de equipo. Ao longo de toda a xornada e da man de expertos en emprendemento, o alumnado de AddVenture revisará o estado dos seus proxectos, traballará a súa proposta de valor, profundará nas ferramentas e maneiras innovadoras de abordar as necesidades dos seus usuarios e do mercado de cada proxecto. O Hackaton ten como obxectivo impulsar o inicio dos emprendementos, buscar sinerxías, promover o networking e a aprendizaxe colaborativa.

Nesta terceira promoción que agora se pon en marcha seleccionouse 30 emprendedores e emprendedoras con 18 proxectos empresariais en diferentes estados, desde aqueles que comezan de cero a outros que desexan transformar o seu proxecto coa axuda dos expertos e mentores que imparten o curso. O alumnado é diverso e multidisciplinar e procede de Galicia, outras zonas de España (Burgos, Murcia e Tarragona) e do mundo (Arxentina, Alxeria, Hungría, Brasil e Cuba).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.05.2025.