Pasar al contenido principal
  • USC

Día das Letras Galegas na BUSC

A BUSC súmase á conmemoración do Día das Letras Galegas con diversas actividades. Imaxe: Galiciana
A BUSC súmase á conmemoración do Día das Letras Galegas con diversas actividades. Imaxe: Galiciana
A BUSC únese á celebración do Día das Letras Galegas dedicado á poesía popular oral, personificada nas figuras das cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e  Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica).

O vindeiro sábado celébrase o Día das Letras Galegas, que nesta ocasión dedícase á poesía popular oral, personificada nas figuras das cantareiras Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e  Manuela Lema e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas tres das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Desde a RAG, incídese no papel das mulleres como figuras centrais na creación, preservación e transmisión da cultura, así como no rol das pandereteiras como símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. 

Guía web
A BUSC vén de publicar a guía web dedicada ás cantareiras e á poesía popular oral de Galicia. Nela inclúese unha bibliografía baseada nos fondos da BUSC e centrada nas cantareiras, os cancioneiros galegos e a poesía popular oral. Complétase a guía cunha selección de recursos que contribúen a visibilizar as figuras das cantareiras como transmisoras da nosa poesía de tradición oral.

Biblioteca Xeral 
A Biblioteca Xeral organiza unha mostra bibliográfica que se pode visitar no espazo expositivo da sala de lectura. A mostra ofrece unha selección de obras da colección da Biblioteca con particular atención ás novidades editoriais relacionadas coas figuras das cantareiras.

Biblioteca de Medicina e Odontoloxía
A biblioteca da Facultade de Medicina e Odontoloxía organiza a exposición "Castelao: o médico que quixo ser artista" co gallo do Día das Letras Galegas. Deste xeito, a biblioteca continúa a serie de mostras Medicina e Letras Galegas sobre estudantes da Facultade de Medicina que foron homenaxeados nalgún 17 de maio. ​Pode visitarse no claustro baixo da facultade ata o vindeiro 31 de maio.

Biblioteca de Psicoloxía e Ciencias da Educación (Campus Vida)
A Biblioteca de Psicoloxía e Ciencias da Educación súmase neste día de celebración, expoñendo unha pequena escolma de manuais dos ciclos do ensino galego dos anos comprendidos entre a aprobación da Lei Xeral de Educación (1970) e a Lei de Normalización Lingüística (1983). Pódese visitar ata o 30 de maio.

Cartel da actividade organizada pola biblioteca da Facultade de Psicoloxía e Ciencias da Educación
Cartel da actividade organizada pola biblioteca da Facultade de Psicoloxía e Ciencias da Educación
Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.05.2025.