
Favorecer a cooperación, desenvolver novas liñas de investigación e fomentar as capacidades colaborativas do Campus Terra USC. Estas son algunhas das metas perseguidas pola convocatoria de Proxectos Colaborativos de Campus Terra 2024-2025, a través da cal se financiaron 10 proxectos liderados por persoal investigador contratado con título de doutor do campus.
Como culminación da convocatoria, os resultados dos proxectos serán presentados o vindeiro 26 de maio, de 10.00 e 13.00 horas, nunha sesión aberta ao público que terá lugar no Salón de Actos do Edificio CACTUS. A optimización da Edición Xenética CRISPR/Cas9 mediante novas nanopartículas lipídicas, o desenvolvemento de Biomateriais a base de Polisacáridos ou a avaliación da influencia do benestar animal na calidade do leite e saúde humana serán algúns dos proxectos presentados durante a xornada.