Pasar al contenido principal

Os principais especialistas en toxicoloxía clínica de España reuniranse estes días en Santiago

Cartel das xornadas
Cartel das xornadas
Arredor de 125 especialistas danse cita nas XXI Xornadas de Toxicoloxía Clínica e nas XI Xornadas de Toxicovixilancia

Os máis importantes especialistas en toxicoloxía clínica de España atópanse entre os 125 asistentes que participarán o xoves 26 e o venres 27 en Santiago nas XXI Xornadas de Toxicoloxía Clínica e nas XI Xornadas de Toxicovixilancia. Como explica o catedrático de Toxicoloxía Manuel López-Rivadulla o evento reunirá os mellores hospitais de España na especialidade, entre outros os de Zaragoza, Clinic de Barcelona, Valladolid, Palma ou Santa Cruz de Tenerife.

O abano de temas incluídos no programa abordará temas de máxima actualidade e inclúe cuestións xa cotiás na práctica na cotiá como “mordeduras de serpe, medusas ou intoxicacións por consumo de setas, temas que se afastan dos tópicos das drogas”, explica o profesor López-Rivadulla quen, xunto con Angelines Cruz Landeira, do Servizo de Toxicoloxía Forense do Instituto Universitario de Ciencias Forenses da USC forman parte do comité organizador do encontro.

O programa destas dúas xornadas comezará o xoves 26 ás 9.00 horas no Salón de Actos do Aulario Novoa Santos da USC coa celebración dun curso de actualización sobre intoxicacións por drogas de abuso no servizo de urxencias hospitalarias. As dúas primeiras intervencións estarán dedicadas ás intoxicacións por novas substancias psicoactivas derivadas de anfetaminas e catinonas e por cannabis natural modificado xeneticamente e sintético. Tamén se presentarán cadros clínicos na intoxicación por cocaína e o seu tratamento e haberá tempo para falar da evolución das intoxicacións por opiáceos/opioides e sobre ‘chem-sex’ e a utilización de substancias recreativas nas actividades sexuais.

Inauguración
A inauguración das xornadas celebrarase ás 16.00 horas e terá como protagonista a conferencia inaugural que pronunciará Michael Holland, da American Academy of Clinical Toxicology (AACT) e da European Association of Poisons Centres and Clinical Toxicologists (EAPCCT), sobre axitación psicomotriz de orixe tóxico e a súa abordaxe nos servizos de urxencias. De inmediato está prevista unha mesa redonda sobre toxinas en seres vivos para tratar as intoxicacións por setas, as mordeduras de serpes ou as picaduras de medusas. A primeira xornada rematará coa presentación de comunicacións orais.

O venres 27 a xornada matinal comezará cunha mesa redonda sobre intoxicacións agudas por produtos químicos, con especial atención as provocadas por inhalación de gases irritantes ou por gases de guerra, neste último caso con especial atención aos antídotos. Logo da segunda e terceira sesión de comunicacións orais celebrarase a xuntanza do programa nacional de toxicovixilancia. Pola tarde, ese mesmo día a partir das 15.00 horas haberá oportunidade de analizar casos clínicos e unha nova quenda de comunicacións orais. A conferencia de clausura impartiraa o profesor de Dereito Penal da USC Santiago Brage Cendán para falar sobre os problemas médico-legais relacionadas coas intoxicacións agudas nos servizos de urxencias.

Estas xornadas están organizadas pola USC, a Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias (SEMES-Galicia) e a Fundación Española de Toxicoloxía Clínica.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.10.2017.