Pasar al contenido principal

Entrega de premios do XV concurso estatístico Incubadora de Sondaxes e Experimentos

06.06.2024 | 09.30h
A entrega de premios será en Matemáticas. Foto: santi Alvite
A entrega de premios será en Matemáticas. Foto: santi Alvite

A Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa entrega este venres 6 de xuño os premios do seu XV concurso estatístico Incubadora de Sondaxes e Experimentos. Será a partir das 9.30 horas na Facultade de Matemáticas.

Na categoría de 1º e 2º de ESO, o alumnado finalista pertence ao CPR Divina Pastora Franciscanas (Ourense) e ao IES de Cacheiras (Teo), mentres que na de 3º e 4º da ESO, son alumnos e alumnas da Aula Hospitalaria do CHUS (Santiago de Compostela) e do IES Ribeira do Louro (O Porriño). Xa en Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio, o alumnado estuda no CPR Divina Pastora Franciscanas e no IES As Lagoas (Ourense).

Os seis traballos finalistas presentaranse ante o xurado, que despois de deliberar dará a coñecer o nome dos gañadores, que serán os que representen Galicia na XIV Fase Nacional do concurso ‘AVATAR. Descubriendo la Estadística a través de los datos’ que se celebrará en Logroño do 25 ao 27 de xuño.

Nesta décimo quinta edición presentáronse un total de 68 traballos, dos que a maioría (28) pertencen a alumnado de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio, 27 á categoría de 1º e 2º da ESO e 13 de 3º e 4º da ESO. Cada un destes proxectos foi revisado de forma independente por tres avaliadores externos, que emiten un informe de valoración que serve para a preselección dos proxectos presentados. Este ano contouse cun total de 48 avaliadores externos.

O xurado está presidido este ano por Javier Tarrío Saavedra, profesor da Universidade da Coruña e membro da executiva de SGAPEIO, e composto ademais por Covadonga Rodríguez-Moldes Rey, vogal da executiva da SGAPEIO que actúa como secretaria; e os vogais Indalecio Cabana Leira, director territorial da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional en A Coruña; Juan Vidal Puga, representante do CITMAGa e profesor da Universidade de Vigo; Esther Calvo Ocampo, do Instituto de Galego de Estatística; e Matilde Ríos Fachal, profesora de Matemáticas.

Nesta edición, o concurso conta coa colaboración da Facultade de Matemáticas da USC, a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, o Instituto Galego de Estatística (IGE), o Centro de Investigación e Tecnoloxía de Matemática de Galicia (CITMAGa) e a empresa GADIS.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.06.2025.