Pasar al contenido principal

O maratón audiovisual ‘Findecurta’ falla este venres os premios logo da proxección das propostas presentadas

Representantes dos equipos participantes no II Findecurta con membros da organización
Representantes dos equipos participantes no II Findecurta con membros da organización
A proxección das curtametraxes realizadas ao abeiro deste programa desenvolverase no auditorio da Casa do Saber nun acto público que comezará ás 22.00 horas

A segunda edición do maratón audiovisual ‘Findecurta’ dará a coñecer este venres 5 de maio os gañadores do certame, logo da proxección pública de 9 dos traballos presentados a esta segunda edición dun certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural e no que se duplicou o número de participantes respecto da primeira edición. De feito, cómpre lembrar que preto dun centenar de persoas que, agrupados en 12 equipos, tomaron parte na sesión deste maratón audiovisual, un programa ideado para de contribuír á promoción do audiovisual galego e ao impulso de novos creadores en lingua galega.

Todas as curtas resultantes do traballo e da creatividade das persoas que integran os equipos que entran a concurso compartirán varios elementos, segundo explicou o comisario de ‘Findecurta’. Bruno Máez sinalou neste senso que, independentemente do xénero (aventura, acción, terror, drama, musical, bélico, western...) determinado nun sorteo previo, as curtas presentadas a concurso teñen a obriga de incluír unha personaxe (o arqueólogo/a Bernaldo/a Peiraio), un obxecto (un ouriñal) e a frase “Coma o mestre Cirilo, que cose de balde e pon o fío”.

O xurado do maratón cinematográfico ‘Findecurta’, integrado por Jorge Coira, Fina Calleja e Pablo Cacheda, que durante estes días avaliou a calidade dos traballos presentados, dará a coñecer este venres o seu fallo, que seá inapelable. A decisión do xurado servirá para determinar o equipo gañador do II Findecurta, un galardón que, ademais do recoñecemento implícito, contempla unha dotación en metálico de 500 euros, ademais do convite para tomar parte no Festival de Cine na competición de mellor curta galega.

Unha vez rematada a proxección das curtas, os organizadores do maratón cinematográfico recollerán os votos emitidos polos espectadores presentes e que servirán para determinar a curta premiada polo público, un galardón que non conta con dotación económica, pero que, do mesmo xeito que o premio outorgado polo xurado, si que permite a participación da curta seleccionada na fase de competición da próxima edición do Festival de Cine.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 04.05.2017.