Conferencia no CiTIUS sobre os desafíos da universidade pública e a ciencia en Brasil

O ex reitor da Universidade Federal de Rio Grande do Sul (Brasil), Carlos Alexandre Netto, imparte este xoves 4 unha conferencia na USC sobre o rol e os desafíos aos que se deberán enfrontar as universidades públicas e a ciencia, a tecnoloxía e a innovación nese país americano. O relatorio terá lugar ás 12.00 horas no salón de actos do CiTIUS.
Na súa conferencia falará do “escenario preocupante” para as universidades públicas en Brasil – que achegan máis do 80% da produción científica e tecnolóxica do país– dada a “crise económica e política actual e tras toda unha década de crecentes investimentos do Goberno para o fomento de bolsas de posgrao e para o desenvolvemento de proxectos e de infraestrutura de investigación”.
Carlos Alexandre Netto, médico pola Universidade Federal de Rio Grande do Sul (UFRGS), doutor en Bioquímica e posdoc en Neurociencias pola Universidade de Londres, é na actualidade profesor do Departamento de Bioquímica da Universidade brasileira e membro da Academia de Ciencias de Brasil. Foi ademais presidente da Asociación de Universidades do Grupo Montevideo (AUGM).