Montse Rivera presenta o proxecto ‘Cóntoche un traxe’ este xoves na Casa do Saber no marco dos ‘Xoves de Moda’

A creadora Montse Rivera, de Leilía, presenta este xoves, a partir das 21.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, o proxecto ‘Cóntoche un traxe’, no marco do ciclo ‘Xoves de Moda’, incluído na programación do Lubicán 2017. Con esta iniciativa, Rivera guiará ao público por unha viaxe no tempo para ver cómo era o vestiario dos nosos tatara-tatara-avós.
A narración de Montse Rivera irá acompañada de cantigas referidas ás pezas de roupa que os vestían, poemas de grandes da literatura galega nos que se alude a pezas do vestiario decimonónico e proxeccións de imaxes de traxes tradicionais e materias cos que se fabricaban as teas.
Outro dos atractivos de ‘Cóntoche un traxe’ é o feito de que o público presente terá a ocasión de manipular pezas de roupa. Asemade, catro persoas acabarán a charla vestidos como os seus tatara-tatara-avós. O resto dos asistentes a esta charla, para que poidan levar un recordo da mesma promovendo a solidariedade e a igualdade, xa que non todos se van poder vestir, poderanse sacar unha foto colocados tras un panel cunha imaxe masculina e unha feminina vestidas ó xeito.