USC e Concello de Santiago reforzan a atención á saúde bucodental das persoas en risco de exclusión

A Universidade de Santiago e o Concello compostelán a través da Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais volven comprometerse coa atención á saúde bucodental das persoas en risco de exclusión social logo de que este martes o reitor Antonio López e a concelleira María Rozas asinasen o convenio de colaboración.
O programa de prestación de servizos sanitarios odontolóxicos a persoas en risco de exclusión social permitirá que este colectivo sexa atendido na Facultade de Medicina e Odontoloxía, o único centro público de Galicia onde se fan tratamentos bucodentais integrais. Dende hai décadas, unha boa parte da actividade clínica de Odontoloxía da USC está orientada a colectivos con dificultades de acceso aos coidados odontolóxicos. Así, ten desenvolvido programas asistenciais para persoas con discapacidade severa, sometidos a tratamentos de quimio/radioterapia, menores tutelados...
No acto de sinatura, Antonio López manifestou a satisfacción da Universidade de Santiago por reforzar este convenio “que ademais da súa evidente utilidade social fai parte do programa formativo da Facultade de Odontoloxía”. Tal e como explicou, as persoas derivadas polos Servizos Sociais municipais son atendidas polo profesorado do centro apoiado polo estudantado dos últimos cursos, como parte da súa formación práctica. O reitor reivindicou o traballo da Facultade, “que atende a aquelas persoas que non poden asumir os custos da odontoloxía privada, cando o servizo público é limitado”.
Pola súa banda, María Rozas lembrou que as persoas en situación de risco de exclusión “teñen dificultades evidentes para acceder á atención odontolóxica, porque o catálogo de prestacións do sistema público de saúde é moi reducido e practicamente se limita ás extraccións dentais”. Segundo datos do INE, o 10% a poboación española “está en situación de pobreza dental, non pode ir ao dentista porque carece de recursos suficientes para pagalo”. Por iso, salientou a tenenta de alcaldesa, “optamos por duplicar o orzamento deste acordo, porque en exercicios anteriores a achega municipal ficaba xa esgotada a esta altura do ano”.
O programa
Ao programa poderán acceder todas as persoas de entre 5 e 80 anos que cumpran os requisitos para a concesión da prestación bucodental por atoparse en risco de exclusión social, segundo os criterios establecidos na Ordenanza de Garantía Básica Cidadá do Concello de Santiago e que presenten unha situación odontolóxica abordable dentro dos obxectivos do convenio.
É por iso que este programa aborda esta problemática en todas as súas dimensións: facer un traballo de educación sobre saúde bucodental nas persoas beneficiarias (identificación de actitudes de risco, instauración de medidas preventivas), tratamento de dentes susceptibles de poder ser conservados mediante técnicas odontolóxicas básicas e restitución de dentes perdidos con próteses dentais acrílicas removibles.
En anos anteriores, a media de beneficiarias situouse nas 70 persoas, e é previsible que neste 2025 este número poida medrar grazas ao incremento do orzamento destinado ao convenio, que este ano pasa a ser de 20.000 euros.