En formato presencial e en liña, será impartido polo recoñecido profesor arxentino Lucas Garibaldi

O equipo de investigación EqualSea, pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, acolle estes días o profesor Lucas Garibaldi, da Universidade Nacional de Río Negro (Arxentina), unha das voces máis recoñecidas do mundo nos campos da biodiversidade, a agroecoloxía e a produción sostible.
Garibaldi ofrecerá o martes 15 de xullo un seminario aberto sobre biodiversidade e paisaxes agrícolas sostibles. O encontro desenvolverase ás 11.30 horas no CRETUS, aínda que tamén é posible seguilo de maneira virtual.
A súa visita forma parte dunha colaboración científica co obxectivo de xerar sinerxías e traballar xunto co profesor e investigador distinguido Sebastián Villasante, director de EqualSea, para analizar datos do último informe global do IPBES sobre Cambio Transformativo.
O profesor Lucas Garibaldi é unha das figuras máis influentes a nivel mundial na intersección da ciencia, a natureza e a produción sostible. Investigador sénior do CONICET e director do Instituto de Investigación en Recursos Naturais, Agroecoloxía e Desenvolvemento Rural (IRNAD), Garibaldi deixou a súa pegada con máis de 200 publicacións científicas, moitas delas en revistas de alto impacto como Science e Nature. Coordinou a Avaliación do Cambio Transformador para o último informe global do IPBES, o principal organismo internacional sobre biodiversidade e servizos ecosistémicos. Promove proxectos internacionais que integran a biodiversidade, a produtividade e o benestar humano no redeseño das paisaxes agrícolas. O seu compromiso coa ciencia aplicada levouno a presidir a Comisión Científica de Polinización de Apimondia e a cofundar iniciativas innovadoras como AgroDesign e Eirú, que combinan tecnoloxía e coñecemento ecolóxico para un futuro máis resiliente.
Aberto ao público en xeral
A charla abordará como a biodiversidade e a produción agrícola non só poden coexistir, senón que tamén se poden mellorar mutuamente. Baseándose en evidencias científicas actualizadas, presentaranse estratexias concretas para o deseño e a xestión de paisaxes agrícolas que melloren a produtividade, reduza os custos e conserven a biodiversidade. Exploraranse exemplos de corredores biolóxicos, paisaxes multifuncionais e prácticas agroecolóxicas que integren o coñecemento ecolóxico nos sistemas de produción.
Durante o mes de xullo, os profesores Rafael Calderón (Universidade Autónoma Metropolitana, México) e Yves Zinnegrebe (Centro Helmhotz, Alemaña) tamén visitarán EqualSea. Do mesmo xeito que o profesor Garibaldi, participaron na preparación do último informe IPBES (Plataforma Intergobernamental de Ciencia e Política sobre Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos). A súa visita forma parte dun esforzo colectivo para analizar a fondo as conclusións do informe e proxectar novas publicacións científicas que contribúan ao redeseño de sistemas agrícolas e mariños produtivos e sostibles.