O CLM oferta para o ano académico 2025-2026 cursos de alemán, catalán, checo, francés, inglés, italiano e portugués

A Universidade de Santiago de Compostela convoca, para o 1º semestre do curso académico 2025-2026, cursos de alemán, catalán, checo, francés, inglés, italiano e portugués, dirixidos a persoal e estudantado da USC, pero tamén abertos a calquera persoa maior de 18 anos interesada, que non forme parte da comunidade universitaria. Ademais, no vindeiro curso, impartiranse tamén cursos de lingua galega para non galego falantes e cursos de español como lingua estranxeira (ELE).
No caso dos cursos de linguas estranxeiras, ofértanse varios niveis de acordo co Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas (MECRL), así como outros cursos de práctica de destrezas específicas. Non terá que realizar un test de nivel previo o estudantado do nivel inicial do idioma ou o que poida acreditar un nivel inmediatamente anterior do MECRL aprobado no ano ou semestre anterior no propio CLM. O estudantado coa acreditación allea ao CLM, debe poñerse en contacto previo co Centro a través do enderezo clm [at] usc.gal (clm[at]usc[dot]gal). Nos restantes casos, é preciso realizar un test de nivel previo á matrícula, que será presencial e/ou en liña. Para realizalo hai que inscribirse no período sinalado para cada caso no anexo da convocatoria. A inscrición no test é gratuíta. Recoméndase que a/o estudante se matricule no CLM despois de formalizar a matrícula nos estudos regrados na USC, xa que permite aplicar a tarifa reducida da Universidade e simplificar o proceso. A matrícula farase en liña dende o web do CLM.
A USC convoca tamén para o 1º semestre do ano académico 2025-2026, cursos de lingua galega para non galego falantes nos campus Santiago e Lugo dirixidos á comunidade universitaria, especialmente ao estudantado e ao persoal docente e investigador que realiza estudos ou estadías na USC con vinculación aos distintos programas de cooperación e mobilidade internacional da Universidade; ao PDI e PTXAS que deba acreditar un nivel de lingua galega na USC; e tamén abertos á cidadanía segundo os requirimentos establecidos na convocatoria. En concreto, ofrécense cursos semestrais para non galegofalantes de 40 horas presenciais e 10 horas de traballo autónomo do estudantado. As clases son de 90 minutos, dúas veces por semana durante catro meses. Finalmente, no curso académico 2025-2026 impartiranse tamén cursos semestrais e cursos intensivos de español como lingua estranxeira (ELE) nos campus Santiago e Lugo, de acordo cos requirimentos establecidos na convocatoria.
Probas de competencia
A USC convoca, de novo a través do CLM, probas para a acreditación do coñecemento de idioma nos niveis B1, B2 e C1. O obxecto das probas é comprobar e, de ser o caso, acreditar as competencias lingüísticas das persoas candidatas nos niveis B1, B2 ou C1 segundo o Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MECRL), en alemán, español, francés, galego, inglés, italiano e portugués. As probas de competencia lingüística (PCL) son exames sobre as catro destrezas lingüísticas (expresión oral, expresión escrita, comprensión auditiva e comprensión lectora), adaptados aos niveis do MECRL, que organiza o CLM para facilitar a acreditación de niveis lingüísticos en relación coa mobilidade e con procesos selectivos da USC.
Por unha banda, as convocatorias do programa de mobilidade Erasmus+ e outras esixen que os/as estudantes acrediten o dominio da lingua do país de destino (ou da lingua de uso na universidade ou nos estudos que elixa) nun nivel B1 ou B2. Por outra banda, o estudantado dos países que non teñen como lingua oficial o castelán ou portugués e que desexen cursar na USC estudos de grao ou estudos de mestrado con este requisito de acceso, deberá acreditar o coñecemento da Lingua Española ou Galega mediante o título de nivel B1 ou B2 do MECRL, segundo o caso. Ademais, distintos procesos selectivos na USC esixen que as persoas candidatas acrediten o dominio do idioma do país ou dunha lingua estranxeira.