Saray Busto Ulloa e Ismael González García acadan cadansúa bolsa Starting Grant do European Research Council

Dous proxectos que se desenvolverán na USC, liderados respectivamente por Saray Busto Ulloa e Ismael González García, acaban de ser recoñecidos na última convocatoria Starting Grant do European Research Council (ERC). Este programa do Consello Europeo de Investigación proporciona financiamento para apoiar persoal investigador con proxectos vangardistas e rompedores, sendo a excelencia científica o único criterio de avaliación. En concreto, a modalidade Starting Grant distingue persoal cunha traxectoria postdoutoral de entre dous e sete anos, outorgando para cada iniciativa un financiamento de ata 1,5 millóns de euros por un período de cinco anos. Nesta edición presentáronse un total de 3.928 propostas, das cales foron seleccionadas 478.
SUPREMUM
A investigadora Saray Busto Ulloa lidera o proxecto SUPREMUM, centrado no desenvolvemento e estudo teórico de novos métodos numéricos que preserven a estrutura de modelos hiperbólicos da mecánica dos medios continuos. O obxectivo final do proxecto é deseñar, por vez primeira, métodos numéricos que verifiquen de xeito simultáneo todas as propiedades estruturais dos modelos: compatibilidade termodinámica, conservación das solucións de equilibrio, verificación das involucións naturais e preservación dos límites asintóticos.
“Desenvolveremos esquemas numéricos eficientes e de alta orde, en mallas non estruturadas, combinando diversas familias de métodos”, explica a investigadora. O uso do modelo unificado Godunov-Peshkov-Romenski, capaz de representar tanto o movemento dos fluídos coma o dos sólidos, permitirá o deseño dun novidoso software de resolución de problemas de fluído-estrutura. “Ademais, integraremos estes métodos no marco dos modelos de orde reducida para lograr metodoloxías veloces que preserven rigorosamente as propiedades estruturais das leis de conservación”, engade. No campo das aplicacións prácticas, o progreso inicial centrarase no deseño dun método para a simulación do sistema cardiovascular. As investigacións a desenvolver repercutirán na transformación dixital, abrindo novos eidos de investigación en análise numérica, enxeñería e biomedicina.
Doutora en Matemática Aplicada pola USC, Saray Busto completou a súa formación doutoral cos profesores E.F. Toro, na University of Trento, e G. Rozza, na International School for Advanced Studies (SISSA). Da súa experiencia internacional destacan o período posdoutoral no grupo do profesor M. Dumbser, na UNITN, e invitacións a congresos de excelencia coma o Oberwolfach e o Mittag-Leffler. Traballou como profesora na Universidade Politécnica de Madrid e na Universidade de Vigo e, dende 2024, é Investigadora Ramón y Cajal no grupo de Investigación en Enxeñería Matemática da USC e está vinculada ao Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga).
HypoPause
Estudar os cambios moleculares e celulares que se producen no hipotálamo durante a menopausa e comprender o seu papel nos mecanismos fisiopatolóxicos que impulsan as alteracións metabólicas é o horizonte que persegue o proxecto HypoPause, liderado por Ismael González García. “O hipotálamo é unha área cerebral clave que controla múltiples sistemas fisiolóxicos, como o balance enerxético (faino, por exemplo, regulando a fame, a saciedade e o gasto enerxético), a homeostase da glicosa e o metabolismo óseo”, explica o investigador. As hormonas ováricas actúan sobre o hipotálamo para regular a fisioloxía feminina, pero despois da menopausa, a súa produción detense e tanto o estradiol como a proxesterona diminúen drasticamente. “A partir de estudos previos, sabemos que esta falta de hormonas afecta a función hipotalámica”, matiza. En concreto, décadas de investigación permitiron identificar o mecanismo hipotalámico que causa os síntomas vasomotores (coñecidos comunmente como "sufocos") asociados á transición menopáusica. Non obstante, aínda está por explorar se a menopausa provoca unha alteración nos mecanismos hipotalámicos que controlan o metabolismo e se estas posible alteracións inflúen nos cambios metabólicos asociados a esta etapa da vida dunha muller.
Para facer fronte a todas estas cuestións e grazas ao apoio do ERC, desenvolverase un plan de investigación mediante técnicas de secuenciación de ARN, análise histolóxica en modelos preclínicos de menopausa e edición xenética in vivo para comprender se existe unha alteración nos mecanismos hipotalámicos que controlan o metabolismo e se estes explican as alteracións na adiposidade, na homeostase da glicosa e no metabolismo óseo que se producen durante a menopausa.
Licenciado en Farmacia pola USC, Ismael González García cursou tamén o mestrado en Investigación Biomédica e doutorouse en Endocrinoloxía. Tras esta experiencia, completou unha estadía posdoutoral de case cinco anos no Centro de Investigación Helmholtz Munich (Alemaña) no laboratorio da doutora García-Cáceres. Durante ese tempo, obtivo as bolsas Alexander von Humboldt e Marie Curie. En 2023, grazas ao programa Ramón y Cajal, retornou a España para continuar a súa investigación como xefe de grupo independente no Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS). Os seus traballos céntranse na comprensión dos mecanismos moleculares a través dos cales o hipotálamo regula a homeostase enerxética e o metabolismo periférico. Así e todo, o estudo das accións hipotalámicas dos estróxenos ven sendo unha paixón constante na súa vida científica, á que dedicou máis dunha década de investigación.