
O Museo Universitario A Domus do Mitreo reunirá do 17 ao 18 de setembro unha ducia de especialistas procedentes de universidades do Estado e mais europeas para abordar os mitreos situados en ambientes domésticos. A actividade que botará a andar ás 9.30 horas do día 17, estará aberta ao conxunto da cidadanía ata completar a capacidade do espazo.
Esta iniciativa forma parte das actividades conmemorativas do 25 aniversario do descubrimento da Domus do Mitreo, xacemento que conta cun dos escasos lugares de culto dedicados a Mitra na Península Ibérica. Os resultados deste foro daranse a coñecer nunha monografía que aspira a converterse “en referencia fundamental para profundar nesta cuestión”, explica a profesora Dolores Dopico, directora do museo. A profesora Dopico coordina este evento en colaboración con Jaime Alvar Ezquerra, catedrático de Historia Antiga da Universidade Carlos III de Madrid.
O coloquio comezará situando a Mitra no seu contexto para, a continuación, abordar de xeito específico a Mitra na domus. Os mitreos en domus en Hispania, así como o culto doméstico e a súa materialidade integran tamén o programa que se estende ao longo de dúas xornadas.