Pasar al contenido principal

A USC, sede da primeira reunión dos Champions de EUniWell

A xuntanza do luns na Casa de Europa presidiuna a vicerreitora de Internacionalización. Foto: Santi Alvite
A xuntanza do luns na Casa de Europa presidiuna a vicerreitora de Internacionalización. Foto: Santi Alvite
No encontro de ‘embaixadores’ e ‘embaixadoras’ do consorcio participou a catedrática de Microbioloxía na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo Azucena Mora, champion da Alianza en representación da USC

O Campus de Santiago foi estes días a sede da primeira reunión dos Champions da Universidade Europea para o Benestar (EUniWell). O encontro, desenvolvido en modalidade híbrida, reuniu seis dos oito investigadores sénior seleccionados para actuar durante seis meses como embaixadores do consorcio.

A xuntanza estableceuse para favorecer a interacción entre os Champions, compartir os seus plans de acción no ámbito da investigación, intercambiar perspectivas e explorar oportunidades de colaboración para avanzar no seu labor central como embaixadores, como é a promoción da misión de EUniWell arredor do benestar e axudar a definir futuras direccións estratéxicas do consorcio.

A vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, recibiu este luns as persoas participantes na Casa de Europa e salientou a importancia do seu papel como embaixadores da Alianza para fomentar a cooperación entre as comunidades académicas dentro e fóra de EUniWell. Nesta reunión inicial participaron Azucena Mora, da Universidade de Santiago de Compostela; Andreas Guidi, de Inalco (Francia); Anna Maria Papini, da Università di Firenze (Italia); Beáta Dávid, da Semmelweis Egyetem (Hungría); María del Mar Grandío Pérez, da Universidad de Murcia (España); e Theodoros Marinis, da Universität Konstanz (Alemaña).

Para concluír o encontro dos champions no Campus de Santiago, o reitor da USC, Antonio López Díaz, recibiunos este martes no Colexio de San Xerome.

Azucena Mora, unha das primeiras champion 


A catedrática de Microbioloxía na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, Azucena Mora, representa á USC como unha das primeiras oito Champions de EUniWell. Mora desenvolverá o seu plan de acción na primeira metade do 2026, centrado “na difusión do concepto One Health, que entende a saúde humana, animal e ambiental como partes dun sistema único e interdependente”.

A catedrática de Microbioloxía sinala que o seu propósito como embaixadora da Alianza é “transformar o coñecemento científico en acción concreta, poñendo o foco na relación entre saúde, seguridade alimentaria e sustentabilidade ambiental, tres eixos esenciais para o benestar global”.

EUniWell Champions Scheme


O EUniWell Champions Scheme é un programa coordinado pola USC como parte dos cometidos do Paquete de Traballo 8 (WP8), dedicado á investigación, innovación e emprendemento responsables, liderado no marco do proxecto EUniWell-Weff da Alianza EUniWell.

A segunda convocatoria de Expresións de Interese para o EUniWell Champions Scheme abrirase previsiblemente en febreiro de 2026. 
 

O reitor recibiu os champions de EUniWell en San Xerome. Foto: Santi Alvite
O reitor recibiu os champions de EUniWell en San Xerome. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.09.2025.