Pasar al contenido principal

Sensoxenoma revela que a música cambia a microbiota en persoas con trastorno do espectro autista e demencia

O próximo 3 de outubro desenvolverase a cuarta edición de Sensoxenoma, un referente cultural e científico xa consolidado en Santiago de Compostela, no que participa a Real Filharmonía de Galicia. FOTO: RFG
O próximo 3 de outubro desenvolverase a cuarta edición de Sensoxenoma, un referente cultural e científico xa consolidado en Santiago de Compostela, no que participa a Real Filharmonía de Galicia. FOTO: RFG
O vindeiro concerto impulsado ao abeiro deste proxecto no que participa a USC desenvolverase o 3 de outubro no Auditorio de Galicia
Santiago de Compostela

A música, un elemento universal que acompañou a humanidade desde as súas orixes, non só conmove ou serve de entretemento: tamén pode transformar a bioloxía humana. Esta é unha das conclusións ás que chegou o proxecto Sensoxenoma que logo de tres anos de investigación revela por primeira vez como a música pode influír na bioloxía humana. Os estudos mostran que certos estímulos musicais son capaces de modificar a expresión dos xenes, a actividade das proteínas e mesmo a microbiota oral. Estas investigacións están a levarse a cabo en pacientes con diferentes condicións, como dano cerebral, alzhéimer ou Trastorno do Espectro Autista (TEA). “Entendemos agora que a música non é só un estímulo cultural ou emocional, senón un modulador biolóxico capaz de influír en xenes, proteínas e microorganismos que afectan directamente a saúde e o benestar”, afirmou o catedrático da USC Antonio Salas. Os achados presentados este martes 16 nunha rolda de prensa que tivo lugar no IDIS e á que asistiu a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, resultan reveladores xa que este é un “proxecto innovador e pioneiro que abre novas vías cara a medicina personalizada cunha clara dimensión social”, destacou a secretaria xeral. 

A sensoxenómica, como disciplina que estuda o impacto da música na expresión xénica, foi creada como concepto e desenvolvida polos grupos de investigación multidisciplinar GenPoB (Grupo de Xenética de Poboacións en Biomedicina) e GenViP (Grupo de Investigación en Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas) da USC e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), do que tamén forma parte a Universidade de Santiago de Compostela. O proxecto está liderado polos catedráticos da USC Antonio Salas Ellacuriaga e Federico Martinón Torres, responsables respectivamente de GenPoB e GenVip, e pola doutora Laura Navarro Ramón, musicóloga e coordinadora de Sensoxenoma.

O proxecto comezou cos Concertos Sensoxenoma22, en colaboración coa Real Filharmonía de Galicia e o Auditorio de Galicia, concibidos como experimentos controlados para estudar a relación entre estímulos musicais e bioloxía humana. Durante os primeiros dous anos, os estudos centráronse en persoas sen patoloxías coñecidas e en pacientes con trastornos cognitivos de idade avanzada, sobre todo a enfermidade de Alzheimer. Grazas a estes estudos pioneiros, o equipo publicou diversas investigacións que sentaron as bases para explorar como a música pode influír en procesos biolóxicos complexos. Con todo, 2025 foi un ano especialmente revolucionario para o proxecto. Por primeira vez, os investigadores lograron analizar pacientes con dano cerebral e TEA, ademais de achegar novos resultados en pacientes con demencia, abrindo un novo capítulo na investigación sensoxenómica. “Rompemos barreiras técnicas de todo tipo”, comenta Antonio Salas. “Dende analizar cantidades mínimas de sangue obtidas cunha simple punción no dedo, ata estudar o transcriptoma completo a partir de mostras de saliva e bágoas. Ademais, logramos medir simultaneamente a expresión de máis de trinta mil moléculas, miles de proteínas e por primeira vez tamén na historia, a microbiota oral en pacientes con alzhéimer e TEA a partir de mostras mínimas recollidas en contextos loxísticos moi complexos”, explica. 

En pacientes con TEA, a música modula xenes implicados no desenvolvemento neurolóxico, a regulación inmune e a función mitocondrial, mentres que na enfermidade de Alzheimer, os cambios na microbiota oral suxiren que a música podería influír en mecanismos relacionados coa neuroinflamación e a progresión da enfermidade. Estes resultados alíñanse coa hipótese emerxente en neurociencia de que infeccións e desequilibrios microbianos poderían ser un factor causante de certas demencias. “É fascinante observar como un estímulo tan humano como a música pode xerar cambios medibles no corpo”, explicou Laura Navarro. “Isto demóstranos que a música pode actuar como un modulador biolóxico, non só emocional ou cognitivo. E o mellor é que estes efectos percíbense de maneira máis intensa nos pacientes, o que abre enormes posibilidades terapéuticas”, engade.

O proxecto tamén destacou a importancia da colaboración con asociacións de pacientes. Estas organizacións, un total de quince na actualidade, non só facilitan o contacto cos participantes, senón que achegan perspectivas valiosas sobre a experiencia subxectiva do paciente e a súa calidade de vida. Integrar estas voces permite aos especialistas avaliar non só cambios biolóxicos, senón tamén melloras en interacción social, comunicación e benestar emocional, aspectos fundamentais na vida diaria de quen sofre dano cerebral ou TEA. Esta estreita colaboración deu lugar a outro dos grandes fitos do ano: a posta en marcha do proxecto europeo EUTERPE_adn, que permitiu desenvolver talleres musicais interactivos e sostidos no tempo con pacientes de distintas patoloxías, así como a recollida e análise de mostras biolóxicas para avaliar o efecto destas intervencións.

Sensoxenoma representa unha disciplina emerxente que estuda como os estímulos sensoriais afectan a bioloxía a nivel molecular. Grazas a esta perspectiva, o equipo busca identificar biomarcadores de resposta individual, validar dianas terapéuticas e establecer relacións causais entre música e procesos fisiolóxicos, abordando cuestións históricas sobre a falta de evidencia científica en estudos de arte e saúde. O equipo investigador destaca que a música non só activa o cerebro, senón que tamén ten un efecto sistémico, modulando xenes, proteínas e microbiomas en tecidos periféricos como a saliva. Isto indica que a música pode actuar sobre o chamado eixo oral-cerebro, unha vía emerxente que conecta a microbiota oral coa función cerebral e os procesos inflamatorios. “Estamos ao comezo dunha nova era na investigación da música e a saúde”, conclúe Federico Martinón. “A integración da sensoxenómica coa neurociencia, a clínica e a bioloxía molecular permítenos albiscar terapias musicais baseadas en evidencia sólida, con potencial para transformar a atención de pacientes con diversas condicións neurolóxicas e cognitivas”, sinala.  

Antonio Salas indica, pola súa parte, que “a detección de alteracións na microbiota de pacientes tras o estímulo musical resulta especialmente interesante, xa que hoxe exponse que a orixe de certas enfermidades neurodexenerativas podería vincularse a infeccións orais”. Que a música sexa capaz de modular a microbiota oral abre a posibilidade de explorar o seu potencial na identificación de biomarcadores.” Así, durante 2025, os especialistas de GenPoB/GenViP publicaron seis novos estudos, ampliando e consolidando a evidencia de que a música modula a expresión xénica, o proteoma e a microbiota, tanto en pacientes con enfermidades como en individuos sans. Entre as achegas máis relevantes destaca o feito de que a música pode compensar a expresión xénica alterada en trastornos cognitivos relacionados coa idade, activando rutas de autofaxia e organización sináptica. Ademais, en pacientes coa enfermidade de Alzheimer, a música modula a microbiota oral, afectando bacterias implicadas en neuroinflamación e procesos neurodexenerativos. No caso do TEA, a música inflúe en xenes asociados á función inmune e mitocondrial, así como a microbiota oral, suxerindo efectos sistémicos e potenciais beneficios para a cognición e a interacción social. Finalmente, no dano cerebral, a música afecta xenes vinculados á neuroplasticidade e a reparación neuronal, apoiando a súa integración en programas de rehabilitación.

Próximo concerto

O próximo 3 de outubro desenvolverase a cuarta edición de Sensoxenoma, un referente cultural e científico xa consolidado en Santiago de Compostela, no que a Real Filharmonía de Galicia (RFG) e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela interpretarán un repertorio secreto. O concerto, que acollerá novamente o Auditorio de Galicia, terá dúas partes musicais de 30 minutos e recolleranse mostras de doantes voluntarios antes, despois e no descanso do concerto para poder comparar os resultados de dous impulsos musicais contrastantes.

Laura Navarro destaca que “o repertorio será secreto, como nos anos precedentes; e cada parte do concerto estará asociada de novo a dúas emocións distintas, o que nos permitirá estudar o efecto de diversoss estímulos musicais na nosa bioloxía”. Recolleranse mostras de sangue (punción capilar nun dedo), de saliva (frotis bucal), e mostras lagrimais de persoas maiores de 18 anos, e usaranse sensores inalámbricos grazas á renovación da colaboración académica coa Escola de Psicoloxía da Universidade do Minho. A través dos sensores que levarán os doantes nas súas mans durante o concerto poderase monitorizar a actividade electrodérmica, o ritmo cardíaco e a presión sanguínea, un evento histórico xamais realizado. Nesta edición, recolleranse mostras de persoas con enfermidades neurodegenerativas, trastorno do espectro autista e dano cerebral, grazas á colaboración de distintas asociacións de pacientes, como Dano cerebral Santiago de Compostela, AMES Miastenia, ASPANAES e a Asociación Española de Paraparesia Espástica Familiar. Os investigadores informan de que tamén se usarán por primeira vez mochilas vibratorias en participantes da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) co obxectivo de facer a experiencia musical máis inclusiva e versátil. 

As inscricións para participar como doante realizaranse directamente a través da páxina web oficial do proxecto. As persoas doantes formarán parte dunha investigación, así que deberán asinar un consentimento informado. Tamén haberá entradas ao dispor do público xeral á venda a un prezo de 5 euros na Zona C e no web de Compostela Cultura.

Os achados presentados este martes 16 nunha rolda de prensa que tivo lugar no IDIS e á que asistiu a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, resultan reveladores
Os achados presentados este martes 16 nunha rolda de prensa que tivo lugar no IDIS e á que asistiu a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, resultan reveladores
Los contenidos de esta página se actualizaron el 16.09.2025.