Pasar al contenido principal

Bota a andar por sexto curso consecutivo a convocatoria de axudas para a manutención do estudantado

Os bonos poderán intercambiarse por un menú diario para levar ou para consumir nas instalacións das cafeterías ou comedores universitarios. FOTO: Santi Alvite
Os bonos poderán intercambiarse por un menú diario para levar ou para consumir nas instalacións das cafeterías ou comedores universitarios. FOTO: Santi Alvite
O prazo para solicitar os bonos comedor esténdese do 22 de setembro ata o 1 de outubro
Lugo, Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela lanza, por sexto curso consecutivo, a convocatoria das axudas de manutención dirixidas ao seu estudantado. A novidade máis salientable deste ano é que as persoas solicitantes poderán elixir entre tres tipos de bonos: de 80 consumos (repartiranse un máximo de 500 unidades), de 60 (entregaranse ata 400 unidades) e de 40 consumos (o número repartido fixarase en función das solicitudes). O prazo para formalizar as solicitudes vai dende o luns 22 até o mércores 1 de outubro de 2025.

As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente en dúas fases para que sexan válidas. Por unha banda, a través da Sede Electrónica da USC enchendo o formulario normalizado de solicitude e, nun segundo paso, a través da plataforma do Banco Santander.  As solicitudes que non completen integramente as dúas fases teranse por desistidas e a persoa non poderá optar ás axudas. É obrigatorio consumir o 90% dos bonos concedidos. Se por causas xustificadas non é posible facelo, debe comunicarse a renuncia enviando un correo a xerencia.axudas [at] usc.gal (xerencia[dot]axudas[at]usc[dot]gal)

Estas axudas, iniciadas en 2020 debido á crise económica derivada da COVID-19, “continúan sendo necesarias, tendo en conta a permanencia da devandita crise reflectida na actual conxuntura de escalada de prezos, e que está afectando ao consumo de produtos básicos”, explican dende a USC. O obxectivo é atender aquelas solicitudes que se presenten por parte de estudantes cunha situación económica, social ou familiar que poida influír negativamente na continuidade dos estudos universitarios. Os bonos poderán intercambiarse por un menú diario para levar ou para consumir nas instalacións das cafeterías ou comedores universitarios, na franxa horaria do mediodía, coa posibilidade de retirar un menú adicional para levar de luns a xoves ou até dous menús adicionais os venres. 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.09.2025.