
Francisco Casadesús Bordoy da Universitat de les Illes Balears falará do fresco 'A Escola de Atenas', obra mestra do pintor renacentista Rafael Sanzio, deténdose na súa historia, narrativa interna, contexto e personaxes principais. Esta pintura, que se conserva nunha das chamadas Estancias de Rafael do Palacio Apostólico do Vaticano, constitúe unha exaltación da cultura clásica e da unidade entre filosofía, ciencia e arte. Representa unha reunión ideal de filósofos e sabios da Antigüidade nun espazo arquitectónico monumental inspirado no Renacemento, coa figura central de Platón e Aristóteles, que dialogan mentres avanzan cara ao espectador e encarnan dúas concepcións complementarias do saber: o idealismo e o realismo empirista. Na súa conferencia, o profesor explorará os innumerables detalles do fresco e desvelará as identidades e historias das figuras que nel aparecen. O relatorio terá lugar o 26 de setembro, ás 12.00 horas, na Sala de Profesores de Xeografía e Historia.
Especializado en temas de pensamento grego clásico, e moi específicamente nos presocráticos, Sócrates, Platón e os helenísticos, Casadesús Bordoy posúe numerosas publicacións dedicadas á filosofía e relixión gregas. Publicou unha introdución ao pensamento de Demócrito na colección Biblioteca Filosófica de Ediciones del Orto, coordinou a edición do libro Orfeo y la tradición órfica (Akal), xunto co profesor Alberto Bernabé, e traduciu varios diálogos de Platón, como o Crítico, o Sofista e o Político en Alianza Editorial. É tamén o coordinador da Aula de Humanidades e dos Cursos de Pensamento e Cultura Clásicas do CaixaForum de Palma. Actualmente prepara un libro sobre Sócrates e os seus inimigos.
