
A Facultade de Filosofía, na súa vocación de fomentar o espírito crítico entre a mocidade, organiza un espectáculo dobre de teatro o mércores 24 de setembro ás 17:00 horas no Centro Don Bosco (Rúa de Belvís, 2, Santiago). A compañía de teatro Noite Bohemia da Coruña representará Medea, de Eurípides, nunha versión reducida, acompañada de Xuízo e morte de Sócrates, obra baseada en fragmentos de diálogos de Platón e outros textos antigos. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
A primeira delas, Medea, escrita por Eurípides no 431 a.C. e representada nas festas dionisíacas de Atenas, é unha das traxedias máis célebres da Grecia clásica. A obra céntrase na figura de Medea, unha muller estranxeira e poderosa que despois de ser traizoada polo seu home, Xasón, trama unha terrible vinganza. A peza aborda temas fundamentais como o papel da muller na sociedade grega, o conflito entre paixón e razón, e a tensión entre estranxeiros e cidadáns. Ao longo dos séculos, Medea converteuse nunha referencia esencial da tradición teatral europea, inspirando innumerables versións literarias, musicais e escénicas que manteñen a súa vixencia ata hoxe.
A segunda das obras, Xuízo e morte de Sócrates, foi escrita polo decano da Facultade de Filosofía, Xavier de Donato, a partir de fragmentos de diálogos e textos de Platón, Xenofonte ou Dióxenes Laercio, entre outros autores. Trátase dunha representación do xuízo e condena de Sócrates, así como do momento da súa reclusión na cárcere e o intre final da súa morte, rodeado dos seus discípulos. Para rachar coa insistencia na tradición masculina da historia do pensamento occidental, preténdese dar visibilidade á temática de xénero facendo que o protagonista, Sócrates, sexa interpretado por unha actriz.
A compañía
A compañía de teatro Noite Bohemia, da Coruña, dirixida por Javier Fernández Mariño, naceu en 2008 como un proxecto de teatro escolar dentro dunha institución pública, onde un grupo de alumnos deu un paso adiante co desexo de facer teatro. Aos poucos, a compañía foi medrando ata se converter no que é hoxe en día: unha agrupación cunha programación estable e unha xira anual que percorre os máis prestixiosos teatros do territorio español e do estranxeiro.
Desde o Teatro Romano de Mérida ata o Jovellanos de Xixón, con máis de cinco mil espectadores por tempada, conforman o público que ri coas súas comedias e se emociona coas adaptacións dos textos dos clásicos grecolatinos.