Pasar al contenido principal

A Cátedra Carvalho Calero nace como “un acto de xustiza” con Galicia e coa Universidade compostelá

De esquerda a dereita, Carlos Quiroga, Antonio López, María Victoria Carvalho (filla do homenaxeado) e Valentín García. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Carlos Quiroga, Antonio López, María Victoria Carvalho (filla do homenaxeado) e Valentín García. Foto: Santi Alvite
O reitor lembrou que o insigne escritor e pensador foi o primeiro estudante en intervir na cerimonia de inauguración do curso universitario en 1930, na que reivindicou “a galeguización da Universidade compostelá”

“Un acto de xustiza e recoñecemento para con quen ten moito que ver co que é hoxe a Universidade de Santiago de Compostela”. Así describiu este martes o reitor Antonio López a cerimonia coa que nace a Cátedra Institucional Carvalho Calero da USC, a última das catro froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude.

A nova Cátedra céntrase na figura, o pensamento e a obra deste representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC. Entre os seus cometidos están a promoción e o estudo da literatura galega contemporánea, en continuidade coas directrices do seu patrocinador intelectual, potenciando así o interese pola lectura e a escritura en galego, apoiando a nova creación, e estando atenta á análise das ideas sobre a Literatura e Cultura actuais, co desenvolvemento de modelos de innovación en educación, investigación e divulgación científica e cultural.

Lembraba o reitor no seu discurso no Paraninfo o acto de inauguración de curso do ano 1930, o primeiro no que se permitía incluír no evento solemne a intervención dunha representación do estudantado “e que o daquelas reitor Rodríguez Cadarso tivo a ben permitir”. Foi precisamente Carvalho Calero, naquel tempo estudante de Dereito, o elixido polo estudantado para pronunciar o discurso no que, “de maneira concisa pero moi clara, reivindicaba a galeguización da Universidade compostelá, o que pasaba por introducir a lingua galega nas aulas e facela cooficial na institución”.

“Foi tamén Carvalho Calero quen abriu a porta a unha vella demanda universitaria: crear na USC unha cátedra de lingüística e literatura galegas, algo que non veriamos ata o ano 1972 e que ocupou el mesmo”. Estes dous fitos “dan conta do seu compromiso por Galicia e pola súa lingua e cultura e por iso hoxe é un día para celebrar”, dixo o reitor.

A cerimonia contou ademais coa presenza do secretario xeral da Lingua, Valentín García, do director da cátedra, o profesor de Literaturas Lusófonas Carlos Quiroga, e de numerosos representantes do tecido asociativo cultural de Galicia e da lusofonía, ademais de membros da familia do homenaxeado, coa súa filla María Victoria en lugar destacado.

Tal e como manifestou o profesor Quiroga, “a cátedra que hoxe inauguramos vai tentar pór lucidez na figura de don Ricardo, un persoeiro inxustamente tratado, que foi molesto para boa parte do galeguismo”, dixo, en alusión á súa consideración como o gran pensador do reintegracionismo linguístico. Explicou ademais Quiroga que malia que o eixo central da cátedra é a investigación e divulgación da súa obra, coa análise en profundidade da biblioteca e arquivo emprazada no Parlamento galego, “porá tamén énfase nos seus valores e achegarase ao tecido asociativo cultural e educativo, co que buscará relacións estables”.

No acto, o profesor José-Martinho Montero Santalha, biógrafo de Carvalho Calero e primeiro presidente da Academia Galega da Língua Portuguesa (AGLP), foi o encargado de facer no acto un breve percorrido pola súa vida e obra, da que destacou a preocupación que tiña Don Ricardo polo momento que atravesaba a lingua e cultura galegas e “como insistía en que a solución pasaba pola plena integración na lusofonía”.

Pola súa banda, Valentín García cualificou a Carvalho Calero como “un titán da nosa cultura e da historia de Galicia e un exemplo do pedimento de concordia, tan necesario nestes tempos”.

A cultura, presente


No acto entregóuselle ao público asistente un mini-libro, peza única, co que se ilustra a homenaxe continuada de D. Ricardo a Castelao, de quen foi discípulo, no 75 aniversario do seu falecemento. Este pequeno volume, que consta de catro artigos publicados en La Voz de Galicia, constitúese no 1º Caderno da Cátedra Carvalho Calero, série 4C.

A cerimonia de presentación estivo ademais amenizada pola intérprete Iria Iglesias, que acompañou ao piano dúas das finalistas en 2020 do 2º Musicando Carvalho Calero que presentaran variacións dun poema de D. Ricardo integrado en Saltério de Fingoi (1961). Así, Madalena versionou para o evento o verso ‘Todo o mundo é teu’, mentres que MJ fico o propio con ‘Nom existe a morte’.

Prémio CarValho


Coa intención de distinguir anualmente obras individuais ou colectivas, e mesmo persoas ou entidades e empresas, que contribúan ao coñecemento da produción intelectual, pensamento, valores e personalidade de Carvalho Calero así como promover ou reforzar as relacións de Galicia cos países de lingua portuguesa, a Cátedra lanza o Prémio CarValho, informou o seu director.

Os galardóns contan con catro modalidades: TFG ou TFM, tese de doutoramento ou volume publicado, libro inédito e mención de honra. No caso das dúas primeiras, de investigación, os traballos deben ser elaborados en Universidades públicas, preferentemente galegas aínda que tamén serán admitidas propostas de universidades lusófonas. Os prazos xa están abertos e rematan a finais deste mes de outubro.
 

O acto contou coa presenza de autoridades académicas da USC. Foto: Santi Alvite
O acto contou coa presenza de autoridades académicas da USC. Foto: Santi Alvite
Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.09.2025.