
O primeiro andar da Facultade de Filoloxía acubillará dende o 25 de setembro a exposición A Emoción creadora. Manuel Gómez Román e a arquitectura galeguista, que repasa brevemente a traxectoria do arquitecto vigués, galeguista e expoñente da arquitectura rexionalista galega. O acto inaugural terá lugar as 12.00 horas.
Desde a Asemblea Nacionalista de Lugo (1918), a procura dunha arquitectura prototipicamente galega converteuse nunha prioridade para os intelectuais galeguistas que, como Otero ou Castelao, vían o románico e o barroco como os períodos de máximo esplendor da arquitectura galega. Gómez Román (Vigo, 1876-1964), que foi secretario xeral do Partido Galeguista, director de sección no Seminario de Estudos Galegos e membro da Real Academia Galega (1953), comprometeuse con este tipo de arquitectura tanto na práctica como na súa ampla colección de debuxos ideais de casas, vilas e cidades galegas.
A mostra conta tamén con dous traballos de virtualización de Carlos Paz Lorenzo e Andrés Armesto Cortiña do Centro Infográfico Avanzado de Galicia.
