Pasar al contenido principal

O PDI pode presentar propostas de microcredenciais universitarias subvencionadas con Fondos Europeos

A convocatoria diríxese ao PDI da USC. Foto: Santi Alvite
A convocatoria diríxese ao PDI da USC. Foto: Santi Alvite
O Plan Microcreds financia ata o 70% dos custes de produción e impartición desta nova oferta formativa
Lugo, Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago mantén aberto o prazo de presentación de propostas de microcredencias universitarias, unha formación breve e flexible dirixida a poboación entre 25 e 64 anos, sen necesidade de posuír unha titulación universitaria previa e orientada á adquisición de habilidades e competencias concretas requiridas no eido laboral.

A través dos Fondos Next Generation da Unión Europea, a USC sumouse ao Plan para o desenvolvemento destes novos títulos (Plan Microcreds) polo que recibirá unha subvención de máis de 400.000 co obxecto de impartir microcredenciais conducentes á emisión de, cando menos, 642 certificacións dixitais a través da plataforma Europass para as persoas que as finalice con éxito antes do 31 de maio de 2026.

Deste xeito, ata rematar os fondos, o PDI da USC pode presentar a súa proposta de microcredencial, que contará cun financiamento de ata o 70% dos custes de produción e impartición, mentres que o resto se cubrirá con ingresos propios de matrículas ou a achega dun terceiro.

A oferta presentada debe basearse nunha prospección das necesidades de recualificación da poboación adulta, algo que se articulará cunha declaración de interese, e o deseño da formación deberá estar enfocado á adquisición de resultados de aprendizaxe. A duración dos cursos será sempre menor de 15 ECTS (recomendado entre 1 e 5 ECTS) en modalidade presencial, en liña ou híbrida.

As microcredenciais


As microcredenciais son un tipo de formación especializada breve impulsada pola Comisión Europea que permite adquirir competencias, coñecementos ou habilidades específicas e conectadas coas necesidades do sector produtivo. O termo microcredencial universitaria designa, así mesmo, a certificación dixital que acredita a formación e proporciona toda a información necesaria para demostrar as competencias profesionais adquiridas a través da formación.

Estes novos títulos teñen tres finalidades principais moi concretas (distintas ou complementarias): a formación para a inserción social e a mellora da empregabilidade, a reorientación a outra actividade profesional ou a recualificación de alta especialización.

A Universidade de Santiago mantén unha oferta continuada deste tipo de cursos ao longo de todo o ano. Nestes momentos son xa máis de 30 microcredenciais en moi diversos ámbitos de actuación, xa que estes cursos poden desenvolverse á marxe esta convocatoria específica.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.09.2025.