Pasar al contenido principal

Xornada ‘A IA e as fronteiras da consideración moral’

Xornada ‘A IA e as fronteiras da consideración moral’
Xornada ‘A IA e as fronteiras da consideración moral’

Compostela será o escenario os días 26 e 27 de setembro dunha xornada interdisciplinar que busca afondar nas implicacións éticas da intelixencia artificial (IA), especialmente en relación coa consideración moral de individuos humanos e non humanos.

A actividade ‘A IA e as fronteiras da consideración moral’ desenvolverase en dúas localizacións: a Facultade de Filosofía da USC (Praza de Mazarelos) e o Centro de Estudos Avanzados (Parque de Vista Alegre), combinando relatorios, mesas redondas e espazos de debate abertos ao público.

A xornada está organizada polo proxecto Wild Animal Ethics da USC, e conta co apoio destacado da Rede Española de Filosofía da IA (reFIA) e da propia Facultade de Filosofía da USC, dúas institucións clave no impulso do pensamento crítico sobre as transformacións tecnolóxicas contemporáneas. Tamén colaboran na organización a Fundación Ética Animal, o Grupo de Innovación Docente en Estudos Animais do Ensino e o Instituto de Investigación en Humanidades (iHUS).

O programa reunirá especialistas en filosofía, ética aplicada, tecnoloxía e benestar animal para abordar cuestións urxentes sobre os límites da responsabilidade moral no contexto da IA: quen merece ser moralmente considerado?, como debemos tratar as novas entidades tecnolóxicas?, e que implicacións éticas ten a nosa relación cos animais silvestres na era dixital?.

A entrada é libre ata completar a capacidade da sala, e está dirixida tanto á comunidade universitaria como ao público xeral interesado nas interseccións entre ética, tecnoloxía e dereitos dos animais.

Wild Animal Ethics na Universidade de Santiago de Compostela é unha iniciativa do proxecto de investigación Práctica ambiental e ética dos animais silvestres no contexto da crise climática: unha aproximación longterminista. O equipo investigador está composto por Óscar Horta (Universidade de Santiago de Compostela), Susana Monsó (Universidade Nacional de Educación a Distancia), Mikel Torres (Universidade do País Vasco), Luís García Soto (Universidade de Santiago de Compostela) e Joaquín Fernández Mateo (Universidade RJC).
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.09.2025.