Pasar al contenido principal

A principal reunión da comunidade de física de partículas a nivel estatal desenvolverase no IGFAE do 7 ao 10 de outubro

A sede do IGFAE será o escenario da xuntanza
A sede do IGFAE será o escenario da xuntanza
A 52ª edición do ‘International Meeting on Fundamental Physics’, o simposio de máis longa tradición deste ámbito no Estado, albergará o debate sobre a Estratexia Europea que guiará o futuro da disciplina
Santiago de Compostela

A sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, acolle do martes 7 ao venres 10 de outubro a 52ª edición do ‘International Meeting on Fundamental Physics’. Agárdase a presenza de arredor dun cento de membros da comunidade internacional de física de partículas, no que é o simposio da disciplina con máis longa tradición en España, desde a súa creación no ano 1973. É a terceira vez en medio século que Galicia acolle o encontro, logo das edicións de 1998 na illa da Toxa, e a de 2007, tamén en Santiago de Compostela. 

A xuntanza chega nun momento clave para a disciplina, xa que actualmente se está a actualizar a Estratexia Europea de Física de Partículas (ESPP), que guiará o camiño para as próximas décadas, marcado especialmente polo proxecto de construción dun novo acelerador no CERN. Deste xeito, o primeiro día do simposio en Santiago estará centrado nas conclusións da reunión sobre a ESPP celebrada no mes de xuño en Venecia, con acento no rol que nela xogará a comunidade científica española.

Durante as seguintes xornadas están previstas máis de 20 conferencias impartidas por persoal investigador procedente de institucións de diversos países, como Gran Bretaña, Alemaña, Francia, Portugal, Países Baixos, Suíza, Bélxica, Eslovenia, Italia ou Canadá, xunto a membros dos principais centros de investigación españois neste ámbito.

“Trátase dunha estupenda oportunidade para situar ao noso instituto como elemento central na física de partículas en España”, destacan Paula Álvarez Cartelle e Xabier Cid, investigadores do IGFAE e coordinadores do comité organizador local, xunto a Jaime Álvarez, Néstor Armesto, Juan Calderón, Elena González e José Ángel Hernando, tamén membros do IGFAE.  

“O alto nivel dos conferenciantes e o amplo conxunto de temas que abrangue a reunión fan deste congreso un dos eventos máis importantes que celebramos nos últimos anos desde o IGFAE. Temos, ademais, a ocasión especial de empregar por primeira vez a nova sede para organizar un evento destas características”, engaden Paula Álvarez e Xabier Cid.

Sobre o IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) naceu en 1999 co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica nos campos da Física de Alta Enerxía, Partículas e Nuclear, e áreas relacionadas como a Astrofísica, a Física Médica ou a Instrumentación. Acolle a arredor de 140 persoas que participan en grandes instalacións experimentais como o CERN, o Observatorio Pierre Auger, LIGO ou GSI/FAIR, entre outras.

O centro foi recoñecido en dúas ocasións (2017 e 2023) como Unidade de Excelencia María de Maeztu por parte da Axencia Estatal de Investigación do Goberno de España. Tamén forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación. Está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.

 

Cartel do evento
Cartel do evento
Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2025.