Pasar al contenido principal

Presentación do libro ‘Fernando Calvet i Prats. Modernizador da química e promotor da industria farmacéutica en Galicia’

03.10.2025 | 12.00h

Santiago de Compostela
Aula Magna

Fernando Calvet i Prats foi profesor da Facultade de Química da USC
Fernando Calvet i Prats foi profesor da Facultade de Química da USC

Enmarcado nos actos de homenaxe ao químico Fernando Calvet i Prats, ‘Científico Galego 2025’ da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), o venres 3 preséntase ás 12:00 horas na Facultade de Química da Universidade de Santiago -centro onde foi profesor- o libro Fernando Calvet i Prats. Modernizador da química e promotor da industria farmacéutica en Galicia. Nesta publicación, coeditada pola RAGC e o Consello da Cultura Galega, faise un repaso pola traxectoria profesional e vital deste persoeiro ilustre. No evento, que comezará ás 12 horas, participan a vicerreitora de Política Científica, Pilar Bermejo, o presidente da RAGC, Juan Lema, e a secretaria do Consello da Cultura Galega, Elena Vázquez. A entrada é libre para todo o público interesado.

O libro conta con limiares do presidente da RAGC, da presidenta do Consello da Cultura Galega e do coordinador da publicación, o académico da RAGC Pedro Merino. Inclúe artigos de Ricardo Gurriarán, doutor en Historia Contemporánea pola USC; Joan Cuscó, profesor da Universitat de Barcelona; os académicos da RAGC Manuel Freire e Luís Castedo; os membros da Real Academia de Farmacia de Galicia Francisco Díaz-Fierros e Manuel Puga; o presidente de Zelnova e do Grupo Zendal, Pedro Fernández; Xosé L. Pastoriza, doutor en Filosofía da USC; e a xerente de Bioga, Loli Pereiro.

No transcurso do evento celebrarase unha mesa redonda na que participarán varios dos autores da publicación, destinada a valorar o traballo e o impacto de Fernando Calvet no desenvolvemento da química en Galicia e na súa aplicación á industria. Estarán Pedro Merino, Manuel Freire e Francisco Díaz-Fierros.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.10.2025.