
As gañadoras da XVI Edición dos premios á introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, nos que colabora o Concello de Santiago de Compostela, recollerán os seus galardóns o 6 de outubro nun acto que terá lugar ás 12.00 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca coa presenza do reitor Antonio López e da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín.
Intervirán ademais a delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, e a directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez.
Dimensión de calidade
Os Premios teñen como finalidade fomentar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación, considerada como unha dimensión de calidade e innovación docente dos centros, departamentos e institutos de investigación. Esta liña de actuación constitúe unha das principais apostas da USC en materia de xénero, entendendo que un dos maiores potenciais para promover a igualdade efectiva de mulleres e homes reside na incorporación da perspectiva de xénero nas dúas principais facetas da nosa actividade de xeración e difusión de coñecemento: a docencia e a investigación.
A iniciativa foi seleccionada polo European Institute for Gender Equality (EIGE) como unha das dez mellores boas prácticas de ‘Integración da igualdade de xénero nas universidades e centros de investigación europeos’ de entre máis de 50 de toda a Unión Europea; e incluída na ferramenta en liña (GEAR tool) de apoio a organizacións investigadoras na creación, execución, seguimento e avaliación dos plans de igualdade de xénero.