Pasar al contenido principal

Reunión de traballo da Rede Española de Filosofía da IA

14.10.2025 | 10.30h-14.00h

Centro de Estudos Avanzados
Santiago de Compostela

Networking IA
Networking IA

O Instituto de Humanidades da USC (iHUS) e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto demográfico desenvolven o 14 de outubro unha xornada para poñer en común as redes de traballo e estudo que existen sobre a Intelixencia Artificial (IA).

Nesa xornada darase a coñecer a Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial (reFIA), coordinada polo decano da Facultade de Filosofía da USC, Xavier de Donato, que reúne especialistas de múltiples disciplinas  como filosofía, comunicación, educación, filoloxía, psicoloxía, dereito, antropoloxía e investigación tecnolóxica.

Baixo o amparo do iHUS que dirixe a catedrática Laura Lojo, a rede prepara para 2026 o I Congreso Nacional de Filosofía da Intelixencia Artificial, que congregará un centenar de investigadores e investigadoras internacionais para reflexionar sobre os retos e problemas asociados á IA, o seu papel nas humanidades, así como na configuración de futuros escenarios sociais e culturais.

Pola súa banda, a Secretaría Xeral para o Reto Demográfico do Ministerio explicará as políticas públicas e as redes e proxectos de IA que se están a apoiar e desenvolver, como por exemplo a iniciativa AI Assemble, concibida para explorar as implicacións da IA nun mundo rural e na sostibilidade territorial, as accións no campo da industria creativa dixital que afectan a produción cultural española ou distintos proxectos do programa Horizonte Europa.

O programa

A xornada de traballo da reFIA desenvolverase a partir das 10.30 horas no Centro de Estudos Avanzados (CEA) e será inaugurada pola vicerreitora de Titulacións, María José López Couso. Tras a intervención introdutoria do encontro pola directora do iHUS, intervirán o vogal asesor na Secretaría Xeral para o Reto Demográfico, Luis Cuoeto-Álvarez, e o decano de Filosofía da USC.

O encontro proseguirá cunha mesa redonda na que se tratarán cuestións relacionadas con seguridade e lexislación, ética e IA xenerativa, arte e resiliencia. Rematará a sesión coa discusión das conclusións ás 13.30 horas.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 09.10.2025.