Pasar al contenido principal

A RAG elixe o profesor da USC Ernesto González Seoane como académico de número

Ernesto González Seoane dirixiu ou participou no desenvolvemento de diversas ferramentas con corpus do galego moderno e contemporáneo.
Ernesto González Seoane dirixiu ou participou no desenvolvemento de diversas ferramentas con corpus do galego moderno e contemporáneo.
A lexicografía e a estandarización do galego, xunto á explotación dos corpus lingüísticos nos últimos anos, son os tres campos que centran o seu labor investigador, vinculado sempre ao Instituto da Lingua Galega
Santiago de Compostela

Ernesto González Seoane (O Barqueiro, 1962) acaba de ser elixido membro de número da Real Academia Galega. A institución decidiu, na sesión plenaria celebrada no pazo de María Pita, que o catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela ocupe a vacante producida polo pasamento de Bernardino Graña.

Licenciado en Filoloxía Hispánica pola USC no ano 1985, Ernesto González Seoane doutorouse en 1992 con premio extraordinario cunha tese sobre a codificación gráfica e gramatical do galego no século XX. A lexicografía e a estandarización do galego, xunto á explotación dos corpus lingüísticos nos últimos anos, son os tres campos que centran o seu labor investigador, vinculado sempre ao Instituto da Lingua Galega. O filólogo é membro correspondente da RAG dende o ano 2004 e forma parte do seu Seminario de Gramática. Ao longo da súa traxectoria, realizou estadías docentes e científicas na City University of New York, a Universidad de Buenos Aires e a Georgetown University, e exerceu diversas responsabilidades de xestión académica como decano da Facultade de Filoloxía da USC (2004-2012) ou director do propio ILG (2013-2018). Na actualidade é vicerreitor de Profesorado da universidade compostelá.

Entre os seus traballos lingüísticos máis destacados destacan a coordinación do Dicionario de dicionarios do galego medieval (2006) e a coedición de obras colectivas como A estandarización do léxico (2003), A lexicografía galega moderna. Recursos e perspectivas (2008), Lexicografía de las lenguas románicas (2014), Léxico dialectal y lexicografía en la Iberorromania (2018), Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna (2020) ou o recente Manual of Galician Linguistics (2025).

Ernesto González Seoane dirixiu ou participou no desenvolvemento de diversas ferramentas con corpus do galego moderno e contemporáneo. Foi director da versión 4.1 do ‘Tesouro Informatizado da Lingua Galega’, cuns 30 millóns de formas gráficas, lematizadas e anotadas con etiquetas morfosintácticas; codirixiu ‘Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna’ e  ‘CORTEGAL, Corpus de textos galegos escritos por estudantes no ámbito académico’, e participou na redacción do ‘Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués’.

Nos inicios da súa carreira profesional, o académico de número electo foi membro de equipos de redacción dalgúns dos primeiros dicionarios e vocabularios terminolóxicos que se publicaron tras a entrada en vigor da Lei de Normalización Lingüística (1983), como o Dicionario normativo galego-castelán (1988) e o Dicionario escolar galego (1989) da editorial Galaxia e mais o Léxico da administración castelán-galego editado pola RAG en 1991.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.10.2025.