Pasar al contenido principal

Outubro de ciencia no IPsiUS

Outubro de ciencia no IPsiUS
Outubro de ciencia no IPsiUS
Este mes de outubro, o grupo Procesos Cognitivos e Conduta (PCC) da USC, con apoio do Instituto de Psicoloxía (IPsiUS), organizou dúas charlas nas que investigadores invitados divulgaron os resultados dos seus últimos estudos, os cales mesturan temas de alta relevancia actual, como son o uso das Intelixencias Artificiais (IAs) e o auxe das pseudociencias, coa investigación en psicoloxía básica e experimental.

O venres 3 de outubro presentou a súa charla titulada Pregunta lo que quieras: Decidir, aprender y pensar en tiempos de IA a doutora Lucía Vicente Holgado, da Universidad de La Rioja. Presentou datos moi interesantes sobre a capacidade de influenza das IAs na toma de decisións, nesgos e aprendizaxe humana. Nun dos seus estudos, demostrouse que, ao facer unha tarefa co apoio dunha IA, as persoas aprenden e reproducen nesgos recurrentes introducidos pola IA. Ademais, estes nesgos perduran no tempo, o que pode levar a estas persoas a cometer erros en tarefas futuras que realicen autónomamente.
O xoves 9 de outubro, recibiuse ao investigador Daniel Huete Pérez da Universitat Rovira i Virgili, coa súa charla titulada ¿Qué tiene que ver el procesamiento del lenguaje con creer en cuestiones como fantasmas, remedios homeopáticos o complots gubernamentales?. Nesta destacaron os resultados obtidos con respecto ao procesamento semántico e emocional, onde semella haber diferenzas entre persoas dependendo do grado no que cren en pseudociencias. Para levar a cabo estes estudos, desenvolveu, en colaboración con outros investigadores, o PEUBI, o primeiro cuestionario en castelán para a medición conxunta de crenzas paranormais, pseudocientíficas e relacionadas coas teorías da conspiración.
Estas charlas son só parte do conxunto de actividades de divulgación e formación que vén organizando o IPsiUS dende o inicio deste curso 2025-2026, que continuarán ao longo dos próximos meses. En particular, o mes de outubro rematará coa celebración da II Xornada de Proxectos Predoutorais do IPsiUS os días 27 e 28, na que un ano máis os e as investigadoras predoutorais do instituto presentarán os proxectos nos que se enmarcan as súas teses. A organización destas xornadas forma parte do conxunto de actividades planificadas para promover a interdisciplinariedade e colaboración entre membros do instituto, neste caso habilitando un espazo no que poñer en común as diversas liñas de investigación que teñen lugar no IPsiUS.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.10.2025.