Pasar al contenido principal

GAPAVET forma especialistas en nutrición de distintas especies de animais terrestres e acuícolas

A actividade tivo lugar en Veterinaria
A actividade tivo lugar en Veterinaria
A actividade contou coa participación de profesionais de diferentes partes do planeta como Vietnam, Estados Unidos, China e Brasil
Lugo

Profundar nos aspectos fundamentais da anatomía e organografía dos peixes, a caracterización de lesións, a realización de necropsias completas ou a toma de mostras para diagnóstico é “esencial para a prevención e o control de enfermidades, contribuíndo á saúde animal, á seguridade alimentaria e á sustentabilidade ambiental, en consonancia cos principios do enfoque One Health”. Así o explican dende o grupo de investigación GAPAVET, que acaba de impulsar unha acción formativa “que pon de manifesto o compromiso do grupo coa internacionalización, a colaboración universidade-empresa e a formación continua dos profesionais”.

Coa colaboración activa da empresa Zinpro®, especialistas en nutrición de distintas especies de animais terrestres e acuícolas, a actividade contou coa participación de profesionais de diferentes partes do planeta como Vietnam, Estados Unidos, China e Brasil, e evidencia o compromiso da empresa coa formación continua dos seus colaboradores, en consonancia coas accións estratéxicas do grupo GAPAVET para promover unha educación superior conectada cos retos globais e coas necesidades reais do tecido produtivo.

A organización e a docencia do curso recaeron no profesorado do grupo de investigación GAPAVET, especialistas en benestar animal e saúde de animais acuáticos da Facultade de Veterinaria da USC. Dirixido polos profesores Ana Manuela De Azevedo Gomes e Roberto Bermúdez Pose, o curso contou co soporte do Centro de Estudos Propios da USC, contribuíndo a situar o Campus de Lugo como un referente académico internacional no ámbito da saúde dos animais acuáticos.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 13.10.2025.