Pasar al contenido principal

I Congreso de Novas Investigacións en Humanidades

17.10.2025 | 10.00h
Facultade de Humanidades
Facultade de Humanidades

Co obxectivo de ofrecer ao estudantado pre e postdoutoral da área de Humanidades un espazo para compartir as súas investigacións e poñer en común os seus proxectos e enfoques emerxentes, a Facultade de Humanidades organiza o I Congreso de Novas Investigacións en Humanidades, que terá lugar o 17 de outubro dende as 10.00 horas. 

As Humanidades e os estudos culturais están a redefinir os seus enfoques e metodoloxías nos últimos tempos para responder aos desafíos contemporáneos no ámbito da investigación. Medio cento de participantes de oito universidades diferentes daranse cita neste foro para poñer en común proxectos que abordan cuestións relacionadas coas Humanidades Dixitais, a Historia, a Arqueoloxía, a Literatura, a Arte, a Filosofía, a Etnografía, a Interpretación do Patrimonio, a Paisaxe ou o Turismo, entre outras.

Da colaboración con áreas de coñecemento diversas xorden novos enfoques arredor da incorporación dos avances tecnolóxicos, a ética profesional, a perspectiva de xénero, os enfoques decoloniais, ou por exemplo, a preocupación polo cambio climático. A intención desta xornada é poñer o foco nestas perspectivas emerxentes, transdisciplinares e innovadoras e xerar espazos de diálogo interdisciplinario. 

O congreso, dirixido por Rubén Castro Redondo e Patricia Cupeiro López, arrancará cunha conferencia do catedrático Juan M. Monterroso Montero, quen moderará tamén unha das seis mesas en torno ás cales se distribúen as diferentes temáticas. Así mesmo, actuarán como moderadoras as profesoras da Facultade de Humanidades de Lugo Ana Cabana Iglesia, Elena Freire Paz, Alba Díaz Geada, María do Carme Silva Domínguez e Patricia Cupeiro López.

A asistencia é libre e de balde para calquera persoa interesada. Dende a coordinación das sesións tomarase nota do público asistente, para que as persoas que así o desexen poidan certificar documentalmente a formación recibida polo aproveitamento deste I Congreso de Novas Investigacións en Humanidades.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.10.2025.