O Consello de Goberno reunirase o venres 24 de outubro nunha sesión ordinaria a desenvolver simultaneamente a partir das 11.15 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome e na Sala Multiusos da Biblioteca Intercentros en Lugo.
A xuntanza dará comezo coa cobertura dunha vacante na comisión para a atención aos casos de violencias sexuais e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero (CAVISA) así como coa designación de representantes do Consello de Goberno no iLTIUS e no iTERRA e da dirección en funcións do Departamento de Matemáticas.
A modificación do regulamento para a creación, modificación e supresión das Plataformas Científico-Tecnolóxicas e a transformación do Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro (INCIFOR) e a supresión do Instituto de Criminoloxía (ICUS) da USC son outras das cuestións a tratar na xornada.
En materia de persoal, someterase a aprobación a prórroga de contratos de PACS e unha corrección de erros na proposta de asignación de complementos de recoñecemento de mérito docente na convocatoria de 2024.
No referido a cuestións académicas, a orde do día recolle o regulamento de programas de simultaneidade de estudos e das estruturas curriculares específicas na USC; a modificación da memoria do Programa de Doutoramento en Lóxica, Filosofía da Ciencia e Estudos Sociais da Ciencia; a modificación de Regulamentos de traballos de fin de estudos; a proposta de modificación do Regulamento de Estudos Propios; memorias e cursos de estudos propios, e o acordo polo que se regula o recoñecemento de equivalencia de estudos estranxeiros para o acceso a mestrado universitario, doutoramento e estudos propios na USC.
A cesión de uso temporal de espazos no inmoble do pavillón de servizos da USC ao CITMAga, a adhesión da USC ao Clúster ACUIPLUS e a aprobación do logo institucional do Idega son os asuntos que completan a xornada do venres.