Pasar al contenido principal

A EPS de Enxeñaría de Lugo, un centro pioneiro na formación práctica do seu alumnado coa oferta de estadías en empresas

Cartaz do programa de prácticas externas para alumnado da EPS de Enxeñaría da USC
Cartaz do programa de prácticas externas para alumnado da EPS de Enxeñaría da USC
Miles de estudantes de enxeñaría desenvolveron nas últimas dúas décadas estadías nas preto de 300 empresas e institucións adheridas a este programa de formación

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC, o centro decano das ensinanzas de enxeñaría no Sistema Universitario Galego (SUG), é pioneira na formación práctica do seu alumnado coa oferta de estadías en empresas e institucións nas que os futuros enxeñeiros e enxeñeiras teñen unha primeira oportunidade para poñer en práctica os coñecementos adquiridos nas aulas.

A primeira convocatoria de prácticas en empresas para o alumnado da EPS de Enxeñaría de Lugo ten as súas orixes no curso académico 1997-1998. Máis de dúas décadas despois, este programa de formación complementaria no que tomaron parte miles de alumnos e alumnas non só ten acreditada a súa sustentabilidade, senón que o esforzo realizado polos sucesivos equipos de dirección do centro universitario lugués permitiu nestes anos favorecer e aumentar a adhesión a este proxecto dun cada vez maior número de empresas, entidades e organismos públicos, que, pola súa actividade ou campo de traballo, resultan destinos acaídos para que os futuros enxeñeiros e enxeñeiras gocen dunha primeira experiencia práctica e coñezan de primeira man a realidade do mercado laboral.

O programa de prácticas externas da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo da USC é hoxe en día un proxecto sólido que, ademais do alumnado, ten como protagonistas ás preto de 300 empresas con actividade nos diferentes sectores nos que se forma o estudantado do centro universitario lugués, tal e como o son o sector agrícola e das industrias agrarias, o ámbito forestal e mesmo áreas de traballo estreitamente ligados coa enxeñaría civil e a topografía.

Os convenios de colaboración que mantén na actualidade a EPS de Enxeñaría para o desenvolvemento deste tipo de prácticas son de moi diversa índole, xa que no seu conxunto agrómanse acordos con autónomos, pequenas empresas, cooperativas, empresas punteiras e líderes de negocio nos sectores agrario, agroindustrial, forestal e civil distribuídas por todo o Noroeste peninsular e mesmo concellos, deputacións provinciais e organismos diversos dependentes ou vencellados coa Xunta de Galicia.

A subdirectora de Prácticas Externas e Orientación Laboral da EPS de Enxeñaría da USC, a profesora Rosa Romero, salienta neste senso que este programa de estadías en empresas e institucións constitúe unha actividade recoñecida academicamente, a través da que o alumnado adquire formación práctica e certa experiencia laboral antes de rematar os seus estudos universitarios. “As prácticas son un complemento formativo esencial, pero tamén supoñen unha vía de integración no mercado de traballo e unha oportunidade de darse a coñecer no ámbito laboral”, sinala Romero.

O éxito das prácticas en empresa ofertadas pola Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC queda reflectido ano tras ano no alto nivel de aceptación que esta actividade ten entre o alumnado, pero tamén no elevado grao de satisfacción que as empresas acolledoras de estudantes en prácticas amosan unha vez finalizadas as estadías. Os indicadores que manexa o centro lugués para garantir a calidade destes programas apuntan cara unha alta valoración alta que nos últimos cursos se sitúa por riba do 8 nunha escala de 0 a 10. Outro factor que corrobora este éxito é que hai estudantes e empresas que prorrogan a súa relación inicial mediante bolsas e contratos laborais, engade Rosa Romero, ao tempo que precisa que a valoración media das empresas receptoras é incluso superior á feita polo estudantado.

A subdirectora de Prácticas Externas e Orientación Laboral da EPS de Enxeñaría da USC entende que o bo funcionamento do programa de prácticas externas do centro, unha iniciativa da que gozaron preto de 230 estudantes no último trienio, é mérito de todas as partes implicadas. Daquela, Rosa Romero fai público o agradecemento do equipo de dirección da EPS de Enxeñarías a todas as empresa e entidades adheridas a este programa, ao tempo que anima a estudantes e a empresas a sumarse a este proxecto acaído para a formación e a inserción laboral das futuras xeracións enxeñeiros e enxeñeiras.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2019.