Pasar al contenido principal

Mesa redonda ‘Deseño e utopía planetarios: vida e cognición nun mundo máis que humano’

06.11.2025 | 12.30h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

Facultade de Filosofía. Foto: Santi Alvite
Facultade de Filosofía. Foto: Santi Alvite

O xoves 6 de novembro ás 12.30 horas no Salón de Actos de Filosofía terá lugar, no marco das Faíscas Culturais, a mesa redonda ‘Deseño e utopía planetarios: vida e cognición nun mundo máis que humano’, que estará coordinada polo decano da Facultade de Filosofía, Xavier de Donato.

Nun contexto marcado pola crise ecolóxica, a ameaza global e a expansión tecnolóxica, esta mesa redonda propón un diálogo interdisciplinar arredor das posibilidades dun deseño planetario que transcenda o paradigma antropocéntrico. Que significa deseñar para un mundo máis que humano? É posible imaxinar hábitats, cidades ou tecnoloxías baseadas na xustiza ecolóxica e na cohabitación interespecie?

A través das voces de especialistas en literatura especulativa, ética animal, estudos do futuro, arte e tecnoloxía, abordaranse cuestións como o papel da ficción científica —con autoras como Ursula K. Le Guin como referente— na exploración de futuros pos-antropocéntricos, os modelos de conciencia e axencia nun mundo habitado por intelixencias artificiais, cyborgs e redes intelixentes, ou a posibilidade dunha "terraformación" da Terra como proxecto de supervivencia e coidado planetario.

A mesa busca así abrir espazos de reflexión sobre as interseccións entre deseño, vida e cognición, apostando por unha imaxinación crítica capaz de concibir futuros viables máis alá do colapso, máis alá da especie, e máis alá da distinción entre utopía e distopía.

A actividade conta coa participación de diversos membros destacados do Instituto de Investigación en Humanidades da USC (iHUS), como a directora do instituto, Laura M. Lojo Rodríguez (Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, USC), especializada en ficción en inglés e en literatura sobre migracións e cambio global; Federico López Silvestre (Departamento de Historia da Arte, USC), académico con ampla traxectoria na estética e teoría da paisaxe e na arte contemporánea; Germán Sierra Paredes (Dpto. de Bioquímica e bioloxía molecular, USC), neurocientífico e novelista, autor da novela de ciencia ficción El artefacto; e Fran Alcalá (Dpto. de Filosofía e Antropoloxía), filósofo interesado na filosofía da tecnoloxía. A eles unirase a investigadora predoutoral Iria Murado, especialista en ética animal e centrada nas dimensións morais da vida non humana.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 29.10.2025.