Pasar al contenido principal

Presentación do libro ‘Luisa Cuesta Gutiérrez: primeira profesora da Universidade de Santiago de Compostela’

03.11.2025 | 11.00h

Santiago de Compostela
Salón de Graos

A presentación será na Facultade de Dereito. Foto: Santi Alvite
A presentación será na Facultade de Dereito. Foto: Santi Alvite

A que foi a primeira profesora da Universidade de Santiago de Compostela, Luisa Cuesta Gutiérrez, protagoniza o primeiro volume dunha nova serie de Edicións USC dedicada ás ‘Pioneiras da USC’.

Luisa Cuesta Gutiérrez: primeira profesora da Universidade de Santiago de Compostela preséntase o luns 3 de novembro, ás 11.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito, nun acto que preside o reitor Antonio López e no que tamén participan a decana do centro anfitrión, Ana Mª Gude Fernández; as coautoras do libro, Aldara Cidrás Fuentes e Ana Cabana Iglesia; e o director de Edicións USC, Juan Luis Blanco Valdés.

As páxinas do libro conságranse a unha muller cuxo paso pola universidade estimulou outras a matricularse, facéndoo incluso en determinadas carreiras consideradas “impropias do seu xénero”, e a non concibir xa a docencia universitaria como un insuperable teito de cristal. A figura e a dimensión de Luisa Cuesta interesan non só por ser ela mesma unha pioneira, senón tamén porque o seu periplo vital e profesional permite achegarse a todo un ecosistema feminino constituído por mulleres que, no mesmo período ca ela, accederon e completaron estudos universitarios ou conseguiron integrarse en nichos laborais onde non tiñan presenza.

‘Pioneiras da USC’ é unha colección promovida pola Oficina de Igualdade de Xénero que busca recuperar e poñer en valor o compromiso, o labor, a dimensión vital e profesional de mulleres que, contra todos os atrancos que a sociedade e a propia academia poñían para o acceso feminino a postos de responsabilidade, lograron conquistar espazos de docencia, investigación e xestión universitarias nas primeiras décadas do século XX.
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 31.10.2025.