Pasar al contenido principal

Arturo Xosé Pereiro Rozas, elixido novo decano da Facultade de Psicoloxía

Pertencente ao Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Arturo Xosé Pereiro Rozas é integrante do grupo ‘NeuCogA-Aging. FOTO: Santi Alvite
Pertencente ao Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Arturo Xosé Pereiro Rozas é integrante do grupo ‘NeuCogA-Aging. FOTO: Santi Alvite
Durante o seu mandato, ten previsto fomentar a participación do estudantado, aumentar as opcións de especialización do centro e fortalecer as sinerxías co IPsiUS
Santiago de Compostela

O profesor Arturo Xosé Pereiro Rozas será o novo decano da Facultade de Psicoloxía, logo de ser elixido por 36 votos a favor e 6, en branco, nos comicios que se desenvolveron o pasado 31 de outubro. Deste xeito, o profesor Pereiro Rozas, candidato único nas eleccións, sucede no cargo á actual decana, María José Sampedro Vizcaya.

Entre os principais obxectivos do novo decano atópanse fomentar a participación do estudantado, sobre todo nas estruturas de goberno; e aumentar as opcións de especialización do centro, así como profundar nas xa existentes. Ademais, tal e como sinalou, tamén considera a “analizar a opción de reformar plans de estudo”.

No capítulo investigador, o profesor Pereiro Rozas pon o foco na necesidade de “fortalecer as sinerxías” co Instituto de Psicoloxía da USC (IPsiUS) xa que boa parte do profesorado da Facultade ten vinculación con este Instituto. “O IPsiUS e a Facultade de Psicoloxía poden enriquecerse mutuamente”, destacou.

Pertencente ao Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación, Arturo Xosé Pereiro Rozas é integrante do grupo ‘NeuCogA-Aging. Neurociencia Cognitiva Aplicada e Psicoxerontoloxía’ e está vinculado ao IPsiUS. Dirixiu seis teses de doutoramento e é autor de máis dun cento de publicacións, entre artigos, libros, capítulos de libros e achegas a congresos. A súa tese de doutoramento, tamén defendida na USC, versou sobre os factores de procesamento da capacidade narrativa na vellez. 
 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.11.2025.