Un traballo da USC, recoñecido no marco do Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións
O doutorando da USC Héctor González Vázquez fíxose co premio á mellor comunicación oral presentada por persoal investigador novo na ‘modalidade B: traballos teóricos’ na edición número 17 do Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións, que tivo lugar do 23 ao 25 de outubro de 2025 en Ourense. A organización deste foro correu a cargo do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo e a Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións (SGAPEIO).
A comunicación de Héctor González Vázquez, titulada ‘Un novo estimador óptimo minimax para variedades’, recibiu este premio á mellor comunicación teórica, da que tamén son coautores os profesores Beatriz Pateiro López e Alberto Rodríguez Casal, os dous pertencentes á USC. O seu traballo propón un novo método para estimar a estrutura de variedade de dimensión inferior que subxace a un conxunto de datos nun espazo ambiente de dimensión maior.
González Vázquez é estudante de doutoramento no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Facultade de Matemáticas da USC, baixo a dirección de Beatriz Pateiro e Alberto Rodríguez. Á comunicación premiada correspondeulle un premio de 500 euros.