As Conferencias de Reitores e Reitoras de España (CRUE) e Portugal (CRUP) desenvolverán os días 10 e 11 de novembro en Santiago un encontro bilateral.
As xuntanzas comezarán o luns 10 ás 10.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome coa reunión do pleno de CRUP. Xa pola tarde, ás 16.00 horas no Centro de Estudos Avanzados (Parque Vista Alegre) terá lugar o encontro bilateral propiamente dito que inaugurarán o reitor Antonio López, o secretario xeral de Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades de España, Francisco García Pascual; a súa homóloga de Portugal, Cláudia Sarrico; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a presidenta da CRUE, Eva Alcón Soler; e o presidente da CRUP, Paulo Jorge Ferreira.
Na xuntanza trataranse cuestións relacionadas con títulos conxuntos e a experiencia ‘Universidade sen fronteiras’, infraestructuras compartidas en investigación con atención ao caso de Braga, a implementación da ética na IA en educación superior e investigación, e a colaboración científica, nomeadamente Open Science, Research security e a promoción das publicacións científicas en español e portugués.
Logo do encontro, as persoas participantes asistirán á mesa redonda ‘Galicia como ponte entre España e Portugal e a estratexia de internacionalización de ambos os dous países’. Ao remate, farán unha visita guiada pola Universidade de Santiago.
O martes 11, ás 9.30 horas de novo no Salón Reitoral de San Xerome, reunirase a xunta reitora da CRUE.