AMS-LAB, Ventilatio Lab e o grupo de investigación MetBioCat recibiron os Premios GCiencia Galicia Spin-Off
As iniciativas gañadoras da novena edición dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off recibiron os seus respectivos recoñecementos nun acto que se desenvolveu no Pazo de San Roque de Santiago o venres 7. As empresas de base tecnolóxica emanadas da USC AMS-Lab e Ventilatio Lab recibiron os seus premios como gañadoras nas categorías Selo de Calidade e Idea Emerxente, respectivamente, mentres que na categoría de Grupos de Investigación o gañador foi MetBioCat, tamén pertencente á USC. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, interveu no acto cun discurso no que falou sobre a necesidade de construír un ecosistema que permita partir da ciencia básica para despois chegar á ciencia aplicada e finalmente chegar á creación de empresa con base no coñecemento científico e tecnolóxico.
Por parte dos premiados, o catedrático da USC Jorge Mira, representante de Ventilatio Lab, agradeceu ao propio conselleiro por ser o “pai intelectual” da idea que permitiu poñer en marcha a empresa. O profesor Mira agradeceu o traballo de todos os investigadores que permitiron a posta en marcha da spin-off da USC, con mención especial para os outros fundadores da compañía, Alberto Pérez Muñuzuri e Alberto Otero Cacho.
Manuel Lolo, CEO de AMS-Lab, agradeceu a concesión do galardón a GCiencia e ao xurado e destacou que a idea coa que se creou a compañía en 2008 era demostrar que dende Galicia se pode facer ciencia e non é necesario saír da comunidade para conseguilo. “O máis gratificante é ver a importancia do grupo co que contamos actualmente despois de iniciar un proxecto coa idea de dous investigadores”, indicou.
Finalmente, José Luis Mascareñas, director do grupo de investigación, MetBioCat, destacou a importancia da investigación básica e a necesidade de traballar na investigación con equipos multidisciplinares e con xente “con curiosidade e implicada no que se está a facer”. Ademais, tivo palabra de eloxio para GCiencia, “unha plataforma que se preocupa tanto pola difusión de contidos científicos como pola formación do público que a sigue”.
Traxectorias
Na categoría Selo de Calidade, que premia as iniciativas empresariais cunha traxectoria destacada na aposta pola innovación e a investigación, o premio foi para o grupo AMS-Lab, que xurdiu en Lugo no ano 2008 e foi fundada como spin-off por un grupo de químicos da Universidade de Santiago. Actualmente, o grupo conta cunha serie de empresas biotecnolóxicas especializado en solucións analíticas en distintos sectores.
No apartado de Idea Emerxente, que premia as empresas ou iniciativas innovadoras desenvolvidas nos dous últimos anos, a gañadora foi a spin-off da USC Ventilatio Lab, unha compañía que aplicou unha innovadora tecnoloxía de simulación CFD (Dinámica de Fluídos Computacional) para analizar e controlar o comportamento do aire en espazos interiores e exteriores.
Na categoría de Grupos de Investigación o galardón foi para o grupo MetBioCat, pertencente ao centro CiQUS da Universidade de Santiago. que conta como investigador principal ao catedrático de Química Orgánica da USC, José Luis Mascareñas. Ao longo da súa traxectoria rexistrou 26 patentes e foi que de obter financiamento para investigacións por valor de catro millóns de euros.
Xurado
O xurado dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off estivo composto nesta edición pola investigadora do IDIS Cintia Folgueira, a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnoloxía Universitaria da Xunta de Galicia, Irene Bonome; o director de Investimentos de Unirisco, Pablo Mosquera; o director de I+D de Mestrelab, Carlos Cobas; o presidente do cluster Bioga, José Manuel López Vilariño; e polo director de GCiencia, Pablo López.
Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen dende o ano 2015 as empresas e grupos de investigación máis innovadores e que destacan polo emprego da investigación para desenvolver os seus produtos e servizos. Entre as empresas e grupos galardoados nos últimos anos atópanse Alén Space, Mestrelab, Hifas da Terra, o grupo BioFarma da USC ou Laboratorio de Bases de Datos da UDC. Os premios contan co patrocinio da Secretaría Xeral de Universidades, Unirisco e Gadis.