Unha tese de Humanidades estuda acuñacións monetarias feitas en Galicia dende a 'caetra' romana ata as moedas de Henrique IV
O numismático e licenciado en Humanidades no Campus Terra da USC Pablo Núñez Nemeses aborda na tese de doutoramento ‘Historia monetaria da Galicia medieval’, unha investigación dirixida polo profesor Carlos Baliñas Pérez que vén de presentar no centro universitario lugués, unha unha catalogación e estudo exhaustivo das acuñacións monetarias realizadas en Galicia, dende a caetra romana ata as moedas de Henrique IV, o derradeiro rei medieval.
A investigación de doutoramento realizada polo lancarés Núñez Nemeses, un reputado numismático, coñecido tanto polos seus estudos sobre a materia como por presidir a Asociación Numismática Val de Ariz (Anvar) e dedicarse profesionalmente á peritaxe, exposición e e venda de moedas históricas, está enmarcada no programa de doutoramento da USC ‘Estudos culturais: Memoria, identidade, territorio e linguaxe’. Daquela, segundo sinala o profesor Baliñas Pérez, unha das premisas desta investigación atinxe á intención do seu autor de revitalizar a numismática, unha ciencia auxiliar da Historia en boa medida caída no esquecemento e relegada ao mero coleccionismo.
A intención principal da tese é realizar unha catalogación e estudo exhaustivo das acuñacións monetarias realizadas en Galicia, dende a caetra romana ata as moedas de Henrique IV, o derradeiro rei medieval, e empregar esa información para aportar dende a metodoloxía numismática novos datos sobre a vida social e económica da Galicia medieval.
O exhaustivo traballo desenvolvido por Núñez Nemeses vén acompañado dunha análise metalográfica das acuñacións coñecidas, así como dunha detallada catalogación e presentación gráfica de preto de duascentas moedas galegas do período. Para a realización deste laborioso estudo, o novo doutor fixo prospeccións en todos os fondos museográficos e coleccións de moeda, non só de Galicia, senón tamén das principais institucións españolas e mesmo as recollidas en publicacións internacionais.
A investigación pon de relevo que, lonxe de ser unha disciplina morta, a numismática pode e debe de xogar un papel significativo como fonte para os estudos históricos, no mesmo nivel que os rexistros arqueolóxicos e documentais.
Tribunal da tese e cualificación
O tribunal encargado de facer a valoración académica da investigación de doutoramento realizada por Pablo Núñez Nemeses estivo presidido pola profesora do Departamento de Historia Medieval e Moderna da USC María da Luz Ríos Rodríguez. A profesora do Departamento de Prehistoria, Arqueoloxía, Historia Antiga, Filosofía Grega e Filosofía Latina da Universidade de Alacante Carolina Domenech Belda, quen tamén é unha destacada especialista na historia económica da Idade Media, e o arqueólogo e profesor da Universidade de Vigo Fermín Pérez Losada, completaron a nómina de membros do tribunal, que outorgou a máxima cualificación académica á tese de doutoramento presentada por Pablo Núñez Meneses.
Pablo Núñez Nemeses