Pasar al contenido principal

O reitor Juan Viaño visitou Rabat para fortalecer e ampliar as colaboracións coas universidades marroquís

O reitor Viaño con Mohamed Aboussalah, secretario xeral do Ministerio de Educación marroquí
O reitor Viaño con Mohamed Aboussalah, secretario xeral do Ministerio de Educación marroquí

O reitor da Universidade de Santiago, Juan Viaño, estivo estes días en Rabat (Marrocos) para visitar as Universidades Mohammed V (Rabat) e Ibn-Tofail de Kenitra. Na súa estadía, o reitor estivo acompañado por Miguel Zurita, conselleiro de Educación na embaixada de España en Marrocos, e por Sami Ashour, técnico do SRE especialista nas relacións cos países árabes e representante da USC en AECHE (Arab-Euro Conference of Higher Education).

A rolda de visitas iniciouse no Ministerio de Educación marroquí, onde Viaño se reuniu co seu secretario xeral, Mohamed Aboussalah, para presentarlle a USC e destacar a importancia dunha sólida colaboración coas universidades de Marrocos, para o que se fai “imprescindible”, dixo, a implicación das autoridades dese país. O secretario xeral do Ministerio deu a benvida a todo tipo de colaboración coa USC e mostrouse aberto a estreitar as relacións, non só coa universidade, senón tamén co goberno autonómico de Galicia e co ministerio de educación español.

Posteriormente a delegación da USC trasladouse á Universidade Mohammed V de Rabat, onde foron recibidos polo seu reitor, Saaid Amzazi, e polo da Universidade Ibn Tofail de Kenitra, Azzeddine el Midaoui, presidente tamén da Conferencia de Presidentes de Universidades Marroquís (CPU-Morocco). Nese encontro asinaron dous convenios de cooperación e intercambio coa Universidade Mohammed V e un de cooperación coa Ibn Tofail. O día continuou cunha comida privada co embaixador de España en Marrocos, Ricardo Diez-Hochleitner, á que asistiron os conselleiros de educación e de cultura na embaixada de España, e rematou cunha visita ás instalacións da Universidade de Kenitra.

A USC desenvolveu durante os últimos 15 anos varias iniciativas, tanto no marco de programas nacionais (Programas de Cooperacion interuniversitaria – PCI) financiados polo Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación como de programas altamente competitivos financiados pola Unión Europea (Tempus) en ámbitos tanto de investigación conxunta como de apoio á gobernanza e reforma do sistema educativo marroquí.

Á dereita do reitor Viaño, Azzeddine el Midaoui, o seu homólogo da Universidade Ibn Tofail de Kenitra e presidente de CPU-Morocco, e á esquerda o reitor da Universidade Mohammed V de Rabat, Saaid Amzazi De dereita a esquerda, Miguel Zurita, conselleiro de educación na embaixada de España en Marrocos; o reitor Viaño; o embaixdor de España en Marrocos, Ricardo Diez-Hochleitner; o responsable das relacións da USC co mundo árabe, Sami Ashour; e o conselleiro cultural na embaixada de España en Marrocos, Pablo Sanz

Los contenidos de esta página se actualizaron el 05.07.2017.